<<

Desta: The Memories Between

Con este nome, tan de walking simulator, atopamos un xogo táctico con toques de rol que lembra un pouco a esa primeira escena do Final Fantasy Tactics Advance, coa cativada lanzando bólas de neve. Aquí as protagonistas son algo máis adultas, polo menos en idade, e as bólas doen máis. Polo menos no orgullo, porque en realidade todos os “combates” ocorren nos soños de Desta e as bólas son unha manifestación dun xogo que empregaba o seu pai para que a mocidade falase dos seus problemas. Aquí Desta fai bastante trampa, porque é certo que grazas a golpear as cacholas das inimigas é capaz de abrirse e dicirlles o que garda no seu corazón, pero todo iso ocorre nuns soños que non teñen pulo no mundo real. Por tanto, esa aceptación que consegue de cada persoa en cada capítulo non é certa. Entón ese momento de satisfacción emocional por axudarlle a atopar o seu lugar agora que está de volta en casa non resulta tan completo como debería. Polo menos, na última escena, Desta anímase a falar con alguén alén de Morfeo; quizais facía falla un pequeno epílogo de como lle foi co resto de amizades e familia. Confesarei que eu non son alleo a imaxinar escenarios sociais nos que saio vitorioso magnificamente, pero non teño esa sensación de catarse de Desta. Máis duro será o seu espertar, supoño.

Nervios

Dun xeito similar a como a historia perde forza porque somos conscientes de que sucede en soños, moitos das outras grandes decisións mecánicas tampouco rematan de encaixar de todo. Para comezar, optaron por un modelo dual de xogo de rol e roguelike. Unha derrota permite retomar o capítulo dende o comezo, con bastantes das melloras persistidas pero non todas, ou tamén comezar dende o comezo nese mesmo estado. Honestamente, non entendo moi ben esa decisión tan rara; volver ata o comezo soa aburrido, xa que os primeiros soños case non teñen dificultade sen as melloras persistidas e xa coñecemos o que vai acontecer na historia, polo que semella un tedio pasar por todo outra vez. Pola outra banda, xa existe un modo pesadelo para os que busquen un desafío maior, e podería encaixar aí un modo roguelike total que obrigue a comezar dende cero cada vez. Eu só perdín unha vez, pos bastante pouco, no capítulo 5, máis que nada por incluír unha parella de baixo nivel como acompañantes no lugar do meu dúo habitual. Foi cousa de repetir os encontros con outras personaxes e máis coidado, e de aí xa cheguei ata o final. Tampouco tiven derrotas no capítulo do modo desafío que desbloquea á protagonista de Alba: A Wildlife Adventure. Logo quixen xogar con ela, pero non valía a miña partida gardada no último capítulo (porque nesa liña temporal non a desbloqueara, supoño) nin aparecía se xogaba outra vez dende o comezo (porque seica só aparece no cuarto episodio); non sei, outra decisión rara do deseño para solucionar problemas inexistentes.

Amizade

Todo isto é bastante mágoa porque, de verdade, hai unha xoia á que tiñan que sacar brillo. O comezo prestoume moitísimo, co bonito da animación, o valor de poñer unhe protagoniste non-binarie, as actuacións de voz, o sinxelo pero emocionante da proposta narrativa e incluso a inclusión das mecánicas de tácticas no lugar de facer unha novela visual. Os primeiros combates, se poden recibir ese nome, son suaves para ir collendo ritmo pouco a pouco, pero ao final é un caso de maximizar a economía de accións non deixando moita marxe á rival para golpear de volta, algo complicado ás veces porque os rebotes que poden coller as pelotas ao permitir calquera ángulo de disparo son incalculables.

Catarse

Todos eses puntos negativos que comento non fan máis que confirmar o moito que gustei da idea e, inda que non o pareza, tamén das curtas tres horas e media que xoguei. Con todas as súas limitacións e erros, penso que será un xogo que, se ben é probable que non o volva instalar, estou seguro de que non o esquecerei.

Mamá