Woods of Ypres - Woods 5: Grey Skies & Electric Light
Este é un disco de perda, de morte e de vida. Todas as cancións están maxistralmente escritas, especialmente as letras, para transmitir esas sensacións. Son duras, porque a vida é dura. Pero comprende que a morte é o prezo que hai que pagar para vivir, e non lle dá maior importancia aos mortos, que hai que deixar atrás. A música acompaña moi ben, con algunhas pasaxes escuras e outras optimistas, e non desbotan para nada as fondas voces de David Gold, que nos levan nesa viaxe pola súa cabeza, cos seus medos e desexos. O trinomio final, Kiss My Ashes (Goodbye) / Finality / Alternate Ending, é maxicamente melancólico, quizais potenciado por un detalle importante.
David Gold morreu dous meses antes da publicación deste disco; é complicado non escoitar todo o traballo en torno a ese feito. Tamén é devastador atopar o club de fans do grupo no que a súa nai fai acto de presenza e agradece as lembranzas do seu fillo. David Gold xa non está neste mundo, pero as súas pegadas e bágoas provocadas tardarán moito en desaparecer.