Conceptis Nurikabe
Non tiña idea de onde entraba cando baixei este Nurikabe. Soaba xaponés, parecía un Sudoku, pero dubidaba de se era un deseño orixinal ou algo clásico que xa se presentaba para lapis e papel. Agora sei que é dese último tipo, o cal ten bastante sentido, porque ten unha aura de elegancia que sería difícil de atopar nunha aplicación esquecida de Android.
Confeso que esa elegancia non me chegou de primeiras. De feito, inicialmente, nin sequera interioricei ben as regras, algo evidentemente imprescindible se fora unha versión física pero que en virtual deixoume algo confuso por non comprender que facía mal (salvando a distancias, lembroume a como tentei aprender a xogar ao Ticket to Ride en dixital, seguindo o titorial, e non entendín nada ata que non lin o manual da versión tanxible). Ao final, resultou que o máis esquecible era que o “océano” tiña que ser continuo pero que non podía ter catro casas xuntas formando un cadrado. Semellaba arbitrario, pero, a medida que solucionaba os crebacabezas máis complicados, decateime de que era xusto o que facía que todo funcionase e as solucións puidesen ser únicas.
A aplicación contén catro conxuntos de trinta puzzles, ordenados por dificultade. Logo de superar o primeiro bloque, lin a páxina de técnicas básicas no botón de axuda e aledeime de que as derivara todas pola miña conta. Facendo a segunda trintena mellorei as miñas intuicións, que sempre semellaban acertadas, inda que non deixei de recorrer á lóxica para calcular o estado de cada casa. Xa nos niveis máis avanzados, entendín mellor como facer fluír ben os océanos e tiven que aplicar algunha técnica baseada nunha hipótese-contradición para confirmar o valor dunha casa e poder continuar. Antes de dar comezo á cuarta e última serie de desafíos, parei a ler as técnicas avanzadas. Esta vez non entendín nin papa, pero todas eran equivalentes ao meu sistema de hipótese-contradición con atallos para resolver situacións comúns. Non parecía nada crítico, así que me adentrei na última trintena con moito valor.
E foi aí cando os puzzles pasáronme a durar máis de vinte minutos; e iso contando dende o último reinicio, que moitas veces chegaba a un punto tal que non era capaz de atopar o meu erro e non me quedaba outra que volver ao comezo. Por tanto, o meu tempo de xogo sumaba horas e horas, mentres aproveitaba o feito de levalo sempre no peto para marcar casas en pequenos ratos mortos do día a día, como as viaxes en ascensor. E, con todo, tampouco me convertín nun experto. Por moito que os meus razoamentos semellasen sólidos, moitas veces atopei que que estaba a traballar sobre unha base incorrecta. Por non falar dos finais, xa que diría que na última media ducia de niveis improvisei os últimos pasos por intuición xa que non era capaz de dar con algunha dedución correcta para progresar. E, con todo iso, apreciei ben o deseño, gocei coas resolucións, pero vai ao barbeito xunto ao Clues by Sam. Este é máis difícil de recomendar, curiosamente.


