Of Monster and Men - My Head is an Animal
Saía un “HEI” de Little Talks nun popurrí dun autoanuncio da VH1. Soaba moi ben, e a imaxe que acompañaba eses dous segundos era dun paxaro xigante que tiña algo de máxico. Gustábame abondo para cantar o “HEI” ao mesmo tempo cada vez que aparecía o anuncio, pero non tanto como para facer unha mínima investigación. Non se trata dun tema moi agochado, así que un par de meses despois escoitei a canción completa de casualidade e fiquei enfeitizado. Cando puxen o álbum completo gañáronme con esas historias como de contos de fadas, como Dirty Paws, e acabei por gozar de todo o traballo. Agora recoñezo que hai algúns temas menos especiais, pero hai moitos que funcionan moi ben. Coido que as críticas din que hai demasiadas semellanzas con Fleet Foxes, mais eses nin os coñezo. Eu sempre me lembro do xogo de taboleiro Root e do libro Watership Down, pero como nin xoguei ao primeiro, nin lin o segundo, non sei canto do espírito poden compartir.