<<

Death - The Sound of Perseverance

Recordo moi ben estar a falar cun amigo ás 4 da mañá sobre a canción Voice of the Soul deste álbum, antes de nos despedir ata outro día. Ou pode que simplemente a puxera no meu reprodutor para o camiño ata a casa. Ou, máis probablemente, teña unha lembranza totalmente inventada que encaixa na miña narrativa mental. Sexa como sexa, trátase para min dunha das cancións instrumentais máis emotivas da historia do metal. Cada vez que a escoito, lémbrome do final daquela noite, e de como xa nunca poderemos falar o meu amigo e mais eu. Do mesmo xeito, Chuck Schuldiner, tamén nos deixou para sempre, deixando unha gran pegada coa súa traxectoria en Death, que rematou con este gran traballo.