<<

Mónica Naranjo - Palabra de mujer

Xa escoitara este disco o ano pasado, sen saber que ía atopar. Quizais unha xoia do eurodance? Se cadra unha gran voz comezando a súa carreira? Ou algo que me daría vergoña escoitar? Todas as anteriores? Ao final quedei coa sensación de que tiña unha produción bastante mala que agochaba a voz da artista. Este mes xa debo levar unha decena de voltas e non estou de acordo con aquela apreciación. Abofé que “Desátame” podería ser considerada unha xoia do eurodance, e non estaría fóra de lugar no Sonic R publicado ese mesmo 1997. “Entender el amor” é un himno gai que pon ritmo de novo no disco tras un par de baladas. De aí ata o final hai unha mestura de rock, baladas e rumba, con máis ou menos atino. Todo moi dos anos 90, que hoxe en día vai directo á nostalxia, non só polo que nos podamos lembrar da música en si, senón por esas letras que inclúen unha concepción do amor que semellaba omnipresente durante a adolescencia.