<<

Conceptis Kakuro

Após o éxito do Conceptis Nurikabe tiven a ben probar máis clásicos con nomes que semellan xaponés, e este Kakuro, do que non sabía nada, tiña boa pinta. Atopeino buscando directamente na oferta de Conceptis, xa que quedara contento coa implementación do outro e o Slitherlink non me convenceu nada. O Kakuro é unha especie de encrucillado sudokil, onde as respostas son combinacións de díxitos non repetidos que hai que sumar para que encaixe coa pregunta. Pensei que sería un bo xeito de practicar aritmética mental, que non é algo que se me dea ben e que sempre me cativa cando alguén é capaz de sumar 49 + 67 case instantaneamente.

Sinxelo

Eu vou máis a modo que todo iso, e xa me custa saber que número lle falta a 8 + 9 para chegar a 23. Mais, pouco a pouco, fun capaz de resolver os crebacabezas máis doados e aprender algúns trucos, como que a intersección entre dúas cifras que suman 3 e dúas cifras que suman 4 ten que ser, obrigatoriamente, un 1. Pero logo de superar unha ducia dos máis sinxelos decateime de que tardaba moito tempo en cada un. Non é que tivese nada en contra de pasar o tempo resolvéndoos, máis ben semellaba que non estaba a facer algo ben de todo. Decidín entón empregar o botón que autocompleta coas posibilidades para cada casa, de xeito que xa non tiña que adiviñar (ou calcular, como lle chaman os que saben do tema) que para chegar a 22 con tres díxitos diferentes só se pode facer con 5 + 8 + 9 ou con 6 + 7 + 9, e se xa hai un 7 na liña en cuestión e unha casa non pode ter un 9, pois xa queda resolta esa suma sen ter que pensar nada. E nese intre, pode haber unha fervenza de valores que case se enchen sós e, inda que resultan moi satisfactorios de poñer, non esforza para nada a aritmética mental.

Axuda

Armado con esa ferramenta, saltei directamente ao problema máis complicado, deixando atrás máis dun cento sen completar; quería saber como de complicado, e divertido, sería con esa gran axuda. No comezo, parecía bastante trampa, xa que só me tiña que limitar a atopar as casas cun único número. A continuación, pasei a facer inferencias doadas para seguir enchendo o taboleiro. Cando tiven que ir máis aló, notei que a miña falta de experiencia era considerable e topei cuns escenarios que non era capaz de resolver. Foi entón cando acudín ao sistema de pistas, que non só indica como avanzar se non que tamén explica o motivo. Nalgúns casos, simplemente saber sobre que lugar podía actuar xa era abondo; noutros, mensaxes como “aplicar forza bruta” deixábame máis confuso que antes. Xa sen vergoña nin honra, cuspín por riba das miñas credenciais de xogón e resolvín case todo o que me restaba con esas guías directas. Vitoria! Non?

Solucionado

Non! Quería superar o desafío coa axuda dos cálculos das sumas e nada máis. Por non repetir o mesmo problema, tentei o penúltimo, pero preto do fin decateime de que non encaixaba. Non daba coa solución, así que pedín papas para localizar os erros. Dende aí foi doado chegar ao final, pero coa mesma insatisfacción logo de estar tres horas xogando (sumando todos os curtos intervalos). Non me dei por vencido e conseguiría dúas vitorias nos outros dous desafíos “moi difíciles” sen erros nin axudas directas. Foi divertido, pero máis Sudoku que outra cousa, polo menos do xeito que xoguei eu. Éntranme as dúbidas de se serei capaz de xogar unha versión física sen axudas de ningún tipo, quizais empregando unha folla de anotacións para calcular as posibles maneiras de chegar a cada resultado.