<<

The King of Fighters '98 Ultimate Match Final Edition

O salón recreativo que frecuentaba tiña unha máquina do King of Fighters ‘95 con certo éxito. Eu inicieime máis na seguinte versión que trouxeron, o ‘97 que adoitaba ter cola para xogar contra outros xogadores e, nos seus picos de actividade, era complicado ata atopar un oco para ver a acción na pantalla. Non sei quen xestionaba ese negocio, pero tivo moi bo ollo cando puxeron o ‘98 nunha das pantallas máis grandes, desas que tiñan os controis afastados da mesma. Aí acumulábanse moreas de rapaces, algún señor e quizais algunha rapaza, dispostos a deixar cincuenta pesetas para ter a posibilidade de converterse no rei dos loitadores e poder xogar contra os demais sen meter máis cartos. Eu era o máis cativo dos habituais, así que nunca me sentía moi mal por perder, que era o máis habitual, e celebraba con ledicia as poucas vitorias. A verdade é que a comunidade era moi amigable, non había ninguén que resultase o campión indiscutible e aproveitábamos ben toda a variedade de personaxes. Namentres, o King of Fighters ‘97 ficaba como entretemento de segunda categoría, cando o outro estaba moi ocupado ou cando alguén quería gozar sen compañía da gran aventura que é chegar e vencer a Orochi.

Título

Esa foi a vez que máis integrado estiven nunha pequena comunidade de xogos de loita. Algún anos máis tarde estaría xogando de novo ao King of Fighters ‘98, na tranquilidade e gratuidade da miña casa, cando tiven que parar por unha cita ineludible coa óptica. Igualmente de ineludible foi o resultado: precisaba lentes. Non me sentou ben: o meu astigmatismo non era tan alto como para requirir ese encordio constante, a xente da óptica só quería os meus cartos e eu vía estupendamente. Deixeime convencer, a desgana, e os lentes chegaron unha semana máis tarde. Púxenos de novo na casa, disposto a confirmar que non trocaba a miña percepción do mundo, pero cando puxen o King of Fighters ‘98 era obvio que estaba trabucado. Notaba como as personaxes estaban claramente formadas por píxeles discretos, algo que antes sabía pero que agora tamén percibía en directo. E así quedei: con lentes e sen rivais para xogar o King of Fighters ‘98.

Personaxes

Hoxe en día, moi de cando en vez, arranco este xogo, conéctome ao modo en liña e busco se hai alguén máis ou menos preto para xogar por debaixo de 200ms de ping, algo non especialmente doado porque non é unha comunidade moi grande. Se teño sorte, atopo alguén que non lle importa bater contra as miñas personaxes unha e outra vez, namentres eu tento aprender un pouco e albiscar algunha pequena posibilidade de vitoria, algo que só conseguín unha vez ata esta semana. Normalmente son vencido por calquera técnica minimamente ben executada, e cando intento facer o mesmo eu atopo un muro porque, curiosamente, non era tan invulnerable como semellaba. A verdade é que, con todo, é bastante divertido. E non podo máis que agradecer aos meus rivais que non fuxan ao atopar un desafío tan baixo.

Gañador

Após máis dun mes sen xogar, volvín un sábado pola noite, que é cando soe haber máis europeos, e atopei un rival con pouco máis de 100ms de ping, algo nada habitual. Escollín a Terry Bogard, Iori Yagami e Brian Battler, mentres que o meu rival levou ao trío de New Faces. E gañei! A miña segunda vitoria da historia no modo en liña deste xogo. No desquite, repetín personaxes contra outro equipo rival e tamén obtiven a vitoria. A partir de aí fun rotando personaxes para dar máis variedade, pero a miña dominancia era total. Era capaz de prever cando ía saltar e castigalo sen medo, caía en todas as pequenas trampas que poñía, non era capaz de romper a miña estratexia de repetir sempre o mesmo ataque, etc. Seguimos así ata que xuntei dez vitorias consecutivas e marchei durmir. Non me gustou tanto estar sempre do lado gañador, coido que prefiro unha merecida vitoria contra un rival superior entre unha ducia de derrotas.