<<

Tiny Crate

Tiny Crate é un pequeno xogo de plataformas que, xa no comezo, amosa o cariño que lle adicaron na súa elaboración. A pantalla di comezo mostra ao protagonista movéndose automaticamente, ao estilo dos xogos antigos, facendo unha torre de caixas, algo que será básico nesta aventura, e fracasando simpaticamente por non pensar ben o que facía. Un detalle é que o desafío que pensaba superar non é parte dos niveis feitos para os xogadores, o cal dá máis tenrura. De aí pasamos á pantalla de selección de niveis, moi chula porque é toda continua e serve como previsualización do que agarda dentro. É todo unha delicia visual.

Amontoar

Os primeiros desafíos son basicamente para aprender os controis e as mecánicas de coller, soltar e amontoar caixas. Nada revolucionario, nin preciso para xogadores habituais do xénero, pero son curtos abondo para non amolar. Máis cedo que tarde, estaremos resolvendo os pequenos crebacabezas, e ata descubrindo a técnica secreta que permite chimpar dende enriba dunha caixa ao mesmo tempo que a recollemos. Grazas ao ese truquiño, a escasa dificultade dos primeiros mundos faise inda máis baixa. A sorpresa virá cando esa técnica, que ten pinta de que naceu dun erro de programación, é ascendida a algo obrigatorio para seguir superando niveis. Non penso que aporte moita variedade porque, a verdade, os crebacabezas de plataformas de amontoar caixas non dan moito máis de si.

Explorar

Esta sensación mantense ata o final, con cada novo nivel sendo un trámite para chegar ao final, con, como moito, algún intre de manter a concentración para non perder o progreso do último minuto. Para ampliar un pouco a experiencia, engadiron unha peza secreta para atopar en cada nivel ,e uns derradeiros desafíos de dificultade esaxerada, algún dos cales precisa aproveitar un bug que descoñecía. Eu conformeime con apañar unhas poucas desas pezas agochadas e fracasar absolutamente nos desafíos engadidos. Non quería converter esa horas de xogo, doada pero agradable, nunha miseria desesperante.

Imposible