<<

Slay the Spire. Capítulo 13

Outra vez que non sabía a que xogar e que remato ascendendo na Spire.

Libro xulgado

Agora foi a quenda da vixianta, que recuperei en torno á duodécima ascensión para chegar canto antes, e da maneira máis doada, á derradeira. Polo tanto, o meu plan foi obviar a loita opcional contra o corazón, contando que xa aprendería o que funciona e o que non nese encontro final cando chegara o momento.

Tiven os meus altos, onde encadeaba vitorias consecutivas, e os meus baixos, onde renegaba deste xogo durante uns días logo de perder nunha pelexa de corredor no primeiro acto. Mais, por sorte, conseguín moita inercia cara o final da ascensión e acadei a vixésima tras catro vitorias consecutivas. Todo preparado para a épica de vencer o corazón da torre, agás o coñecemento preciso de como non morrer no último acto.

Omega

A vixianta semella máis poderosa que os seus tres compañeiros, pero a cambio require máis cálculos, non só para vencer rápido, senón para non morrer inmediatamente na seguinte quenda do combate. Por ese motivo, haise que atopar nun estado mental axeitado, non vale xogar ao chou e as derrotas séntense menos azarosas. Nada diso faime sentir mellor cos fracasos, o primeiro dos cales chegou contra o líder gremlin, porque non montei unha boa baralla con dano abondo, e o segundo contra Donu e Deca, onde a miña estratexia de bloqueo baseada en levar catro cartas de “fálalle á man” foi contrarrestada polo artifacto innato dese par de xefes finais.

Falar á man

Por sorte, entre ambas derrotas, acadei a vitoria contra o corazón no meu primeiro encontro contra el no que vai de ano. Non levaba unha sinerxía marabillosa, inda que apañara moreas de cartas con scry, e tiven un susto importante pensando que non ía pasar do comedor de tempo por trocar no meu primeiro turno dous puntos de enerxía (dos catro que tiña) por oito de forza e destreza. O reconto final marca, por tanto, unha vitoria e dúas derrotas neste desafío final. Teño a impresión de que sería capaz de acadar dous éxitos consecutivos, pero non será agora cando o intente.

Vitoria vixianta A20