<<

Anomalous Warehouse

Anomalous Warehouse é un pequeno xogo crebacabezas, ao estilo Sokoban, feito por un autor galego en pouquiñas horas para unha jam. Eu xoguei a versión post-jam que se atopa traducida ao galego, o cal outorgaría puntos XELGA se algún día aterro esa clasificación que esbocei na entrada do Aureole.

Plataformas

Dado que é de balde, e que se pode completar nunha hora (unha duración moi satisfactoria para o que imaxinaba antes de comezar), sairei do meu costume habitual e comentarei a miña experiencia sen estragar as sorpresas máis salientables, porque boa parte da graza consiste en pescudar as mecánicas particulares que rexen cada mundo. Certo é que a base de todo e o xa mencionado Sokoban, pero ben cedo as tarefas deste almacén irán tornando máis… anómalas.

Pesadelo

No comezo non hai maior problema, os trocos aos movementos son sinxelos e as solucións non teñen maior dificultade, incluída certa mecánica pantasmil que semella rota porque coido que resolvín os seus desafíos dun xeito non agardado. Só tardei en descubrir a mecánica do segundo alieníxena, acertando sorprendentemente cedo coa que se pode morrer ao terceiro movemento, quizais pola pista sonora. Como sorpresa final existen uns últimos niveis que combinan as anomalías a pares. Aí desesperei un pouco na que combina a de mover de tres en tres coa do Tron, pero foi un final axeitado para unha experiencia que non tiña razóns para ser tan marabillosa.

Noraboa