Doodle Kingdom: Medieval
Hai moito tempo xoguei a un xogo de alquimia no móbil Android que tiña por aquela época. Chamaríase algo como Alchemy e consistía en ir mesturando elementos para obter novos elementos, que se podían tamén mesturar para obter máis e máis. Inicialmente as combinacións ían tendo senso, pero cando xa tiña varias ducias de elementos mesturables remataba por poñer todos nun enorme montón e deixar que saísen os compostos automaticamente. Así perdía a razón de ser o xogo e se convertía nunha persecución do 100% sen senso. As dúbida é se pode este Doodle Kingdom: Medieval aplicar a mesma idea dun xeito máis refinado.
De primeiras resulta moi satisfactorio. Aquí as combinacións son exclusivamente a pares e, no comezo, é complicado non acertar con moitas delas. Tras facer cada unha, aparece o novo elemento na pantalla xunto con algunha frase relativa a el. Xoguei en castelán e sorprendeume que estivesen tan ben localizadas, incluíndo procedencias eminentemente españolas que, de seguro, non estaban no orixinal. Tamén atopei algún termo raro, coma “hombre roca” para se referir a un canteiro, pero supoño que foi pola falta de contexto na tradución. De calquera forma, o idioma non foi impedimento para completar o modo principal, que acabou degradado ata que probei todas as combinacións posibles sen pensar como naquel outro xogo que mencionei.
Con todo, fíxoseme curto ese modo principal e contaba con ter que comezar dende o comezo outras dúas veces nun novo escenario. Pero non foi así, inda que si había outros dous modos descoñecidos para min.
O primeiro era unha versión resumida do principal, con tres pequenos escenarios nos que había que combinar elementos para ir avanzando na historia. O do retorno do rei tiña certa graza porque estaba enfocado como un crebacabezas no que tiñamos que ir comprendendo as pistas para saber os seguintes pasos, amosando unha interpretación do sistema orixinal que podería funcionar ben. O de adestrar a uns dragóns foi un trámite e o de nigromancia soaba mellor do que era. Como engadidos non estaban mal, pero deixaron mel nos beizos co do rei que non conseguiron repetir.
Xa por completar, probei o último. Non ten nada que ver co resto, agás polo machismo, e consiste nun heroe que camiña continuamente cara a dereita, loitando con monstros, bebendo cervexa e deixándose lear por mulleres que só o retrasan na súa busca. A idea é que premamos certos botóns cada quince segundos para que sexa máis eficiente, pero en realidade xógase só. De feito se pechas o xogo e logo volves, o heroe apaña experiencia e avance pola súa conta. Tardei en decatarme de que se poden abrir os tesouros que saen en segundo plano para obter máis ouro, pero coa equipación que merquei cos diamantes era máis que abondo. Desinstalei o xogo pouco despois.




