<<

Pilgrims

Levaba tempo con este Pilgrims instalado no móbil, buscando o momento preciso para xogar. Das capturas saquei que sería algo semellante ao Storyteller, e polo custe de cero euros xa nin investiguei máis. O resultado, a verdade, non é tan diferente. Aquí non hai crebacabezas tan distribuídos, senón que están todos integrados en varias pequenas escenas que podemos percorrer libremente, coma nunha aventura gráfica clásica. O inventario está modelado como cartas que poñemos no escenario, sendo algunhas personaxes que poden tomar determinadas accións. É moi simpático ver o ben que interactúan todas ante as diversas posibilidades e como hai solucións variadas para cada conflicto. Hai un traballo detrás feito con coidado e amor que ben se nota.

Cartas

O problema é que ese coidados e amor non é gratis. E a moeda coa que pagaron foi con contido. O xogo contén un mapa cunha serie de escenarios a resolver que rematan co protagonista collendo a barca que desexaba ao comezo. Cando cheguei a ese punto, non sabía se habería outros dous/tres mapas equivalentes ou igual un de maior tamaño e máis complexo. Pero non: o único que apareceu foi a listaxe dos créditos e un recordatorio de que hai un feixe de logros para desbloquear resolvendo os crebacabezas doutro xeito.

Batel

Xoguei nun banco da rúa durante un descanso. Dende o comezo ata o final non deberon de pasar nin cincuenta minutos, e iso levantando a vista de cando en vez para ver as paisaxe ou saudar ás veciñas. Foi unha experiencia agradable pero eminentemente curta, coma unha demostración do que podería ser un xogo moito máis completo. Mais ese sería un proxecto máis ambicioso, caro e difícilmente rendible polos cero euros que paguei. Podería adicarlle o tempo preciso para conseguir o resto de logros, pero non penso que teñan a mesma maxia que a partida completa.

Xogar outra vez