King Diamond - "Them"
Cando lle merquei un par de CDs de Metallica a un rapaz, ofreceume tamén este “Them” e o Conspiracy de King Diamond a bo prezo. Non sabía nada do King, pero non tiñan mala pinta así que foron directos para casa. Tería eu uns dezaseis anos cando puxen “Them” por primeira vez na casa. Os sons do comezo deixaban mal corpo, pero deixei a música posta polo fío musical mentres me duchaba. Aturei todo máis ou menos ben, pero o última canción ten unhas voces moi tétricas que me deixaron conxelado. Sempre fun moi mexericas, así que a sensación non era nova, pero foi abondo para que eses discos quedasen conxelados na colección. Pasarían moitos anos ata que volvín escoitar King Diamond, co seu gran Abigail, e hoxe en día a historia deste “Them” semella case infantil, incluíndo as falsas voces que tan mal corpo me deixaran no seu día. O conxunto, iso si, segue a ser sublime.