<<

Lootbox Lyfe

Este xogo anúnciase coma un “platformvania”, para remarcar que ten o mundo aberto coas melloras típicas dun “metroidvania” pero que, en realidade, é un xogo de plataformas puro, sen posibilidades de ataque nin inimigos que loiten. Ata onde eu cheguei, as frecuentes mortes chegaban todas de obxectos inanimados, como picos ou auga. Por sorte, os puntos de control non soen estar moi separados, así que podemos recuperar o avance perdido bastante rápido. Polo menos na dificultade por defecto, que non é a que xoguei, inda que isto non tivo ningún efecto na posición deses puntos de gardado.

Dobre salto

Explícome. No comezo ofrécesenos a posibilidade de facer a partida máis doada ou difícil trocando o número de puntos de vida e de puntos de control con dous controis separados. O meu primeiro impulso foi poñer ambos ao mínimo, pero logo de xogar sete minutos xa estaba arrepentido porque semellaba que ía ser unha experiencia penosa. Por tanto, empecei de novo, reducindo un punto de vida sobre a configuración normal pero mantendo a cantidade dos controis no valor por defecto. De seguro que así podería rematar o xogo cunha certa fachenda íntima. Ou iso pensaba, porque abandonei á hora e media sen ganas de volver.

Dobre salto fracaso

Os compases iniciais estiveron ben. Cada pouco gañamos unha habilidade nova de movemento que nos permitirá entrar nunha zona anteriormente inaccesible para continuar co bucle. Os desafíos para ir dun lugar a outro necesitan certa precisión nos desprazamentos, pero os controis son algo esvaradizos e non resultan naturais. Con todo, raro é permanecer na mesma sección máis duns poucos minutos, mais abofé que pasei varias veces polos mesmos lugares buscando algunha liña de progreso. E tal foi a razón de que non quixera continuar o día seguinte, nin ningún outro.

Escuridade

Existe un mapa para nos axudar na orientación dentro deste mundo, pero dista moito dos Metroid que marcan cada casa visitada. Aquí é pouco máis ca un mapa pirata do tesouro, coa súa palmeira e unha X. Quizais sen X, incluso. Amosa os nomes das grandes áreas, as súas formas e conexións, pero é inútil para saber por onde pasamos con anterioridade, onde había certas características do terreo ou para intuír cales serían os seguintes pasos.Tampouco é posible deixar notas ou marcas no mesmo, así que toca ter boa memoria, anotar por fóra, navegar ao chou ou renunciar ao xogo. Eu probei a penúltima destas opcións pero fiquei coa última.