Mike Oldfield - Tubular Bells II
Na miña casa eran moi de Mike Oldfield; os meus pais ata viaxaron a Oviedo no 1993 para a xira deste Tubular Bells II, inda que ningún de nós foi ata Santa Cristina no 1999 (as lendas familiares contan que nos convidaron a un barco para velo dende o mar). Con todo, era habitual atopar este disco soando por toda a casa, moito máis que o Tubular Bells orixinal (que non tiñamos en cd) e as sucesivas secuelas que non nos impactaron tanto. Escoitándoo hoxe en día pois… está ben? A primeira parte é moi boa, con Sentinel substituíndo a icónica canción do exorcista e The Bell co seu gran impacto (non tanto coma cando non coñecía o orixinal nin o Boléro de Ravel), especialmente cando entran as campás tubulares. Pero o resto é máis esquecible e mestúrase na miña mente.