<<

Slay the Spire. Capítulo 14

Pensabades que logo de dar con todos os logros e vencer ao corazón no nivel máis elevado con cada unha das catro personaxes principais ía parar co Slay the Spire? Pois non! Agora que todo o mundo xa está farto de xogar á súa secuela, aquí estou eu dándolle unha nova vida ao orixinal en formato de mods.

Primeiro retomei o Downfall, onde se xoga cos malos, para probar o deus córvido espertado, que saíra novo ultimamente. Conseguín chegar ata a batalla final con Neow, pero aí perdín, sen gozar das mecánicas desta personaxe, polo que non din outro tento.

Draft

No seu lugar, instalei as modificacións de cartas quiméricas (unha certa porcentaxe dos naipes ao chou obteñen unha nova mecánica máis ou menos compensada), biomas (algunhas zonas dos mapas trocan para ter novas regras, monstros e/ou recompensas) e a clase do Packmaster (que varía as cartas dispoñibles en cada partida en función dos paquetes escollidos ao comezo). Con todo isto, montei unha experiencia familiar pero descoñecida, como se fora o meu propio Slay the Spire II. Pero máis doado, seguramente.

Ataques cobizosos

Perdín a primeira partida contra o corazón, en boa medida por non controlar algúns dos sistemas que me tocaron ao chou. As seguintes cinco, nos primeiros cinco niveis de ascensión foron todos éxitos. Foi aí cando me decatei de que as cartas quiméricas aportaban unha variabilidade non precisa (xa había tolería abondo coas outras dúas expansións) e facían o xogo máis doado en xeral, polo que decidín prescindir delas.

Team Fortress 2

Xusto na seguinte incursión fracasei na loita final, inda que culpo máis á miña elección de paquetes do Packmaster, posto que preferín probar cartas novas a facer unha escolla sinérxica. Non foi moita magoa, porque precisaba unha escusa para trocar de aires. Calquera versión do Slay the Spire é divertida, mais logo de chegar ás 300 horas, converténdose no meu xogo máis xogado de Steam, tampouco é que me aporte moito máis da satisfacción puntual.