<<
Dover - Devil Came to Me
Foi no Surf Planet, un videoxogo de recreativas que evidentemente trataba de snowboard, onde escoitei a Dover acotío por primeira vez: soaba Loli Jackson mentres os chicos baixaban a toda velocidade por unha montaña, dando brincos e apañando latas de cera. Algúns meses máis tarde atopei a portada do Devil Came to Me no catálogo do Círculo de lectores e preguntei se o podiamos mercar. Cando chegou a casa tíñalle certo respecto, porque ese demo deixaba algo de mal corpo e era o máis satánico da miña colección. Iso non me freou, en absoluto, para que soase a todo volume na habitación na que soía xogar e que gozase en directo na súa volta ao rock quince anos despois.