<<

Unlock The King

Como bo xogador de xadrez, probei moitas variantes na miña adolescencia, incluíndo algúns crebacabezas en solitario como o de colocar as oito damas no taboleiro sen que se ataquen ou facer unha xira por todo o taboleiro cun cabalo sen repetir ningunha casa. Este Unlock The King pode beber algo deses desafíos, pero non ten moita elegancia máis aló da idea inicial.

Preguiza

En cada un dos cen niveis, atoparemos un rei, unha meta á que ten que chegar e outras pezas que poderemos mover libremente segundo os movementos habituais do sucesor do chaturanga. Unha vez o rei atope automaticamente un camiño libre cara a casa obxectivo, comezará o seu movemento e pasaremos ao seguinte puzzle.

Sinxelo

Polo camiño ata o nivel número 100, iranse introducindo algunhas pequenas mecánicas novas, coma placas que hai que premer para que se mova parte do escenario e poucas máis variacións. Emprega os típicos escenarios introdutorios nos que primeiro saen uns crebacabezas moi doados nos que entender os novos sistemas para logo complicarse. O problema é que, na maioría de casos, ese titorial é bastante innecesario, polo comprensible do asunto, e non hai nin que pensar durante o seguinte feixe de puzzles. E os máis complicados son tamén unha lotaría. Nalgúns casos son máis tediosos, xa que hai que mover unha morea de pezas, outros máis doados do que semellaban e só atopei un, na oitava decena, totalmente indescifrable e que só solucionei con varios tentos ao chou.

Parabéns

Rematei os cen niveis logo de dúas horas. Como mercara este xunto outros da mesma colección, tiña pensado á triloxía Unlock The King antes de vir aquí a escribir nada, pero o segundo incorpora pezas en diferentes alturas e unha leria xogar na Steam Deck tendo que xirar a cámara constantemente, así que puxen freo aquí. O Hang The Kings, tamén do mesmo desenvolvedor, semella algo diferente pero o deseño das pezas é tan moderno que xa me dá preguiza pensar cal é un cabalo e cal é un bispo, así que non o vou nin comezar.