Murder by Numbers
Que lle pido a un xogo de nonogramas? Pois que sexa visualmente cómodo, que os controis non molesten e que os crebacabezas resulten axeitados. Murder by Numbers ten todo iso e, amais, unha historia de detectives moi sinxela. O problema que teño con iso é que, para ter ganas de xogar, teño que querer solucionar os picross e, ao mesmo tempo, avanzar nunha trama de novela visual. É certo que van alternando ambas partes e ningunha dura moito tempo, pero preciso certo estado mental que abranga as dúas posibilidades, o cal non se leva ben coas horas da noite ás que adoito xogar ultimamente.
Con todo, cando decidín comezar, non tiven ningún bloqueo mental. Non me interesaba moito a historia e vía os nonogramas como as recompensas por aturar os diálogos, cando tiña que ser ao revés. Por outra banda, non son nada dos Ace Attorney, así que cando vin que tería que buscar e analizar probas, para atopar o culpable, o meu interese baixou máis. Por sorte, non ten moito peso nin precisa moito pensamento, polo que non me amolou tanto, mais si que me deu a preguiza tras rematar o primeiro caso. Nese punto fixen os desafíos de picross adicionais, desta vez sen diálogos de por medio, e deixei o xogo languidecer ata, polo menos, o día de hoxe, dúas semanas despois. E xa dubido que vaia volver algún día.
Xa é raro que remate eu unha entrada en tan só dous parágrafos. De feito, na altura, tiña unha case obriga comigo mesmo de chegar ás 600 palabras para cada artigo, algo que me forzaba a atopar novos puntos sobre os que falar, a miúdo con bos resultados. Pero xa vai boa que non considero a coherencia interna como un requisito destes escritos.


