Odin Sphere Leifthrasir
Da PlayStation 3 non sei case nada, nin que xoias ten o seu catálogo nin que forma ten a propia consola. A PlayStation 2 xa me é territorio coñecido, e xoguei ao Odin Sphere no seu día. Un día, para seren exactos. Coa consola pirateada, e o seu gran catálogo ao alcance da miña grabadora de DVDs, moito tiña que ofrecer un xogo para perdurar no lector. O bo é que descubrín bastantes diamantes, algún máis bruto do que me gustaría, probando de todo. O malo é que case sempre me deixaba levar pola novidade e non profundizaba abondo se non sentía unha conexión inmediata. Porén, deixaron mella en min igual que eses libros que lin e xa non me lembro do seu interior.
Xuntando todo iso, decidín comezar a miña incursión na PlayStation 3 coa versión que fixeron do Odin Sphere engadindo a palabra Leifthrasir. Os trocos, lidos por riba sen lembrar o deseño previo, soaban bastante ben, porque tampouco quería que isto fora xogo dun único día outra vez. Ao comezar, algunha conexión neuronal activouse levemente e era todo algo menos alleo do que imaxinaba. Esa princesa protagonista, ese estilo visual tan marcado, ese sistema de combate, as mecánicas de elaboración de obxectos… Abofé que recordo máis do que imaxinaba nun comezo, inda que non sei por que fiquei coa idea de que era máis semellante ao Guardian Heroes.
Xoguei varios capítulos, derrotei algúns xefes, coñecín a parte do elenco que podería saír nun Valkyrie Profile, mellorei as miñas habilidades de loita e vin como rompía a partida gardada do emulador, perdendo uns sete minutos de progreso. Para ser honestos, non estaba nin cómodo co emulador para a Steam Deck (acostumado como estou a gardar partida inmediatamente, aquí só conseguín facelo ao pechar o xogo) nin moito co xogo. Sorprendeume atopar comparacións no estilo de movementos co Dust: An Elysian Tail, non tanto porque non se parezan, xa que si hai bastante similitude, senón porque non sabía eu que fora un xogo tan coñecido (seica vendeu un millón de copias). Pero aquí é todo máis episódico, con máis mecánicas de todos os estilos, máis personaxes xogables e máis escenas de obrigado visionado. E, obviamente, iso repercute en que dura máis, abondo para ser un investimento de horas comparable a un Final Fantasy coetáneo. E eu non estaba a gozar abondo para seguir tanto tempo.
Interpretei a corrupción da partida gardada coma un sinal de que, en realidade, non quería xogar máis. Quizais non cambiei tanto dende os meus tempos mozos coa PS2. Podo baixar agora algo coma o Shadow Hearts para corroboralo, que nese tampouco debín de pasar do primeiro par de horas, por moi boa pinta que tamén tivese.


