<<

Super Panda Adventures

O que fago por non xogar ao Castlevania: Order of Ecclesia non é nin medio normal. Desta vez metinme noutro metroidvania independente que prometía durar entre seis e oito horas. A miña sorpresa foi maiúscula cando tardei exactamente ese tempo, sen completar o 100%, xa que, na miña experiencia, os desenvolvedores soen fachendear polo alto e eu son máis ben veloz neses casos. Tamén é certo que xoguei nunha dificultade máis alta do normal, pero coido que só inflúe no dano feito e recibido polos inimigos, algo non moi determinante ata as batallas finais.

Misión

A historia vai… dun panda… que quere salvar o seu mundo… dos robots invasores. Polo camiño hai bastantes personaxes, especialmente aliados, que teñen a súa caricatura de personalidade cos poucos textos que os acompañan. Serven, máis que nada, coma vehículo para transmitir as misións, que se resumen en ir de aquí para aló cumprindo certos obxectivos. Deste xeito, viaxaremos dun nivel A a outro B, e logo a A outra vez, a continuación a B collendo un novo camiño que desbloquea o nivel C, onde un animal antropomórfico nos mandará a falar con outro que está en A, que teremos que saudar outra vez en B antes de ir a C a loitar contra un xefe que… Non é que haxa poucos niveis, pero a metraxe que sacan de cada un é desproporcionada ao seu tamaño, claramente cun obxectivo de estender o tempo de xogo. Ao final o progreso é constante en pequenos incrementos, pero visto dende fóra semella unha boa lea.

Niveis

Tamén existe evolución con puntos de experiencia e niveis. En cada un poderemos mellorar algunhas das habilidades do oso protagonista, sabendo que cada novo nivel é menos significativo que o anterior, porque non é o mesmo trocar o multiplicador de dano de 1 a 1’1 que de 1’1 a 1’2, amais de que cada vez fican menos terra interesantes por maximizar. O que queda é dispoñer estratexicamente das subidas de nivel para aproveitar as curación instantánea. Isto é posible porque aquí a ganancia da experiencia está baseada no dano feito sen unha pausa duns segundos, o que lle dá certo dinamismo á exploración, porque presta intentar manter o combo vivo coma se isto fora un Tony Hawk.

Combo

Foi esa cura instantánea a que me permitiu vencer nos dous últimos xefes, xa que as tácticas anteriores de intercambiar golpes non resultaban tan efectivas. Foron os únicos puntos nos que sentín que o desafío era elevado, pero bastante falso, porque os padróns de ataque non eran nin deterministas nin divertidos de esquivar. Ademais, xa levaba máis de sete horas e só quería rematar. Tiven que facer algunha incursión adicional polo mundo para atopar artefactos que me axudaran, pero a vitoria final viu máis por cuestión de estar tranquilo e reintentar ca por outra cousa.