I'll be Brave, Tomorrow
Que un xogo trate tan abertamente dun neno enfermo, e amais conte cunha colaboración cun hospital infantil, faime saltar todas as alarmas. Ao igual que me pasaba cos xogos de RPG Maker que empregan as personaxes por defecto, sospeito das capacidades lúdicas destes xogos, as miúdo feitos con máis fe que técnica. Tiven que atopar o Heavy Spoilers RPG para romper os meus prexuízos respecto aos gráficos por defecto do RPG Maker, e deixo a mente aberta para que me suceda algo semellante cos xogos de nenos enfermos.
Neste I’ll be Brave, Tomorrow seremos nós os que interpretamos ao cativo enfermo. O pobre non pode facer moito máis que ver pasar as estacións encerrado na habitación do hospital, agás por unhas poucas saídas en cadeira de rodas dirixida pola súa enfermeira. Por sorte, o seu pai deixou unha morea de xogos para que se entreteña, incluíndo unha especie de Super Nintendo que será central para a trama. Nesa consola, xogaremos un sinxelo xogo de plataformas bidimensional, manexando un paxariño que quere atopar ao seu papá. É moi doado, coa única dificultade de adiviñar que desvíos conteñen as plumas opcionais que se poden obter para o final bo. Dende a cama do cativo, poderemos xogar uns pequenos minixogos tridimensionais de mala calidade e sen interese lúdico, nos que a Steam Deck sofre, sen necesidade, para renderizar os corenta polígonos que hai na pantalla ao mesmo tempo.
Entre estes minixogos adicionais destaco un de carreiras contrarreloxo, co peor manexo que vin na miña vida (e iso que xoguei a varios da saga Barro), e outro de encanastrar avións de papel, no que vexo imposible o de atinar co de acertar quince veces no pouco tempo que dan para conseguir o logro que me faltou. Unha proeza complicada que non encaixa co resto da proposta, xa que en ningún intre o xogo ten complicacións nin quere ver que o pasemos mal. De feito, a parte dura da hospitalización case nin se menciona e ten un final feliz sen ningún outro drama intermedio. Todo é unha aventura que hai que percorrer, un pouco cada día, sen necesidade de ser heroes nin valentes.
Efectivamente non será este proxecto que me quite os prexuízos sobre este tipo de narrativas. Coido que non considero o tempo investido como perdido, pero ben podería pasar sen sequera coñecelo.


