<<

Yngwie Malmsteen - Trilogy

Polo de agora, non estou a poñer fotos das portadas dos discos que comento, así que describirei aquí como é:

Trátase dun debuxo que ben podería ser unha carta de Magic dos anos noventa. No cuadrante inferior esquerdo sae o propio Malmsteen cunha chaqueta de coiro vermella sen pechar que deixa ver o seu peito espido por debaixo. Uns pantalóns axustados rematan nunhas botas cun tacón alto e ancho. Semella que está a facer un estiramento de pernas ximnástico, pero en realidade apunta cunha guitarra que ten nas súas mans a un obeso dragón verde con tres cabezas que ocupa o cuadrante oposto. Da guitarra sae lume disparado que remata na boca central do dragón. Todo iso sobre unha paisaxe marítima onde a clara luz da zona de Malmsteen contraponse ao vermello infernal da zona do dragón.

Seguramente por mor desa portada, é dos meus vinilos favoritos e máis reproducidos. A música é unha mestura de rock duro, power metal e algo que se pasou a chamar neoclassical metal polas aspiracións vivaldescas das composicións. Tíñao esquecido, mais inda esta semana gocei coas cancións, admitindo as súas limitacións en canto ás profundidades e significados das letras, e non me importaría reintegralo nas miñas rotacións de álbumes clásicos. Non me dá ningunha vergoña.