<<

Donkey Kong Country 2: Diddy's Kong Quest

Un problema que teño co meu proceso de escritura para esta páxina é que nin tomo notas mentres xogo, nin reviso as capturas mentres escribo, nin escribo ata que o remate o xogo, nin edito substancialmente o escrito despois. Sumando todo iso obteño o resultado habitual no que me esquezo de detalles que consideraba importantes mentres xogaba ou só falo das partes finais porque xa non lembro os comezos. E, nesta secuela do Donkey Kong Country, tiven paróns moi longos entre unhas sesións e outras, así que a todos os problemas habituais haille que sumar que igual mesturo cousas desta segunda parte cos da primeira, que xoguei hai non tanto.

Secuestro

Porque, de primeiras, semella máis do mesmo. Aquí trocamos ao titular Donkey Kong por Dixie Kong, o cal aumenta as diferenzas entre os protagonistas grazas á súa habilidade de caer a modo rotando, e tamén algunha mecánica secundaria, como a aparición de varias moedas que podemos atopar e empregar. Pero a esencia é a mesma: correr cara ao dereita superando complicados niveis nos que todos teñen unha característica que os fai únicos. É unha sorte que atinaran en todos eses cambios, porque o resultado e claramente mellor no seu conxunto, máis aló de que alguén poda ter o seu nivel favorito no orixinal.

Montaña rusa

Mais xa adiantei que a miña experiencia non foi continúa. A maioría dos seus defectos xa estaban no primeiro da saga, e o de que os niveis sexan totalmente secuenciais, de maneira que non sexa posible continuar avanzando ata superar o que nos bloquea, ás veces doe un pouco. Porque podo falar mil marabillas dos deseños de moitos desafíos, pero non atopei un escenario de manexar carriños que non me dera preguiza, e hai varios (tamén no orixinal). Nos últimos mundos a dificultade elévase considerablemente, e se ben non houbo ningún que considerara inxusto, superar algún complicado para bater de súpeto no seguinte, con novas mecánicas que dominar, resulta canso.

Vento vertical

Ao final foi unha mestura de habilidade e forza de vontade. Sempre tiven claro o que precisaba facer para continuar, pero non sempre tiña a mente lista para o fracaso continuado. Recordo unha pantalla dentro dun panel de abellas na que perdín todas as vidas un par de veces, parando polo menos unha semana entre un tento e o seguinte. Ao final decidín encherme de vidas no nivel introdutorio e reintentar ata que conseguira o éxito. O reto non foi para tanto, pero abofé que era longo, e a mecánica de paredes pegañentas non axudaba a fluír. Sumando todo, pasei catro meses para rematar o xogo, sen contar os desafíos adicionais. Porén, teño ganas de comezar xa coa terceira parte. Agardo que non se me atragoe tanto.

Heroes