<<

Rebellion. Escuadrón Tango

Tanto lle lin a Xurxo Diz falar da aventuriña de rol Tango Squad de Star Wars que foi a que elixín para o meu retorno á afición tras case cinco anos. Inda que está pensada para un sistema oficial, el diríxea en Fate. Eu non son tan valente e escollín Rebellion, un Powered by the Apocalypse que contaba con que me facilitase a tarefa. Tamén precisaba persoas xogadoras, claro, e tiven a sorte de que as tres escollidas acudiron á miña chamada inmediatamente. O encontro sería virtual e dividido en dous xoves consecutivos!

Plan

Co máis complicado xa feito, preparei a partida. Tiña claro que non quería dar moito traballo aos compañeiros, polo que só lles pedín que escolleran un arquetipo, nome e debuxo, máis que nada para ter en conta as súas características antes de comezar. Montei un taboleiro de Excalidraw e deixei listas algunhas imaxes da ambientación. Curiosamente os días anteriores tiven máis tempo do que contaba así que fun bastante preparado. Deume tempo incluso de ver unha partida dirixida polo mesmo Xurxo, da cal roubei tanto ideas coma material complementario. Só faltaba agardar pola cita e ver como se desenvolvería o noso propio Escuadrón Tango, composto por Gaarkhan (soldado wookie), Gar Waldell (explorador mestizo arkaniano) e Das-Das Kuffu (gungan sensitivo á forza). Tamén formaba parte do escuadrón o droide R3 AP-T0, que empreguei como recurso narrativo-cómico, en canto que caía da nave inicial no primeiro minuto de partida, sen que os xogadores souberan que era, para descubrir no primeiro flashback que era de vital importancia para o bo desenvolvemento da misión.

Torre

O obxectivo do escuadrón Tango consistía en roubar uns datos do Imperio almacenados nun inmenso casino. Para iso conseguiron sobrevivir á sabotaxe dos seus traxes de voo, obtiveron acceso privilexiado ás habitacións grazas á manciña dun droide decapitado, o arkaniano fíxose pasar por un que se lle parecía moito, obtiveron os datos que estaban corruptos, tiveron que acudir a unha festa formal onde a mestra de cerimonias deulles a pista de onde estaban os verdadeiros datos, saíron vivos ou pouco facendo soar as alarmas grazas á colaboración dun misterioso Zabrak, recuperaron finalmente os datos que andaban a buscar, o wookie sacrificouse nunha refrega contra un soldado de elite, permitindo que o resto do equipo escapase cos datos e co R3 AP-T0, que estaba medio soterrado no fondo do mar. Así, como resumo.

Excalidraw. Escuadrón Tango

Fiquei contento coa experiencia, inda que fun moi consciente de bastantes dos meus erros: dende narrar moitas tiradas baixas como fracasos por falta de habilidade da personaxe ata ser pouco consecuente coa ambientación da partida (de Star Wars só vin sete películas e lin un libro, moi lonxe da maioría de xente que se animaría as dirixir unha partida no universo). Quizais o sistema non foi o máis axeitado e, como quería garantir un ritmo alto para rematar nas catro horas previstas, apurei o final, empurrando bastante aos xogadores. Sobre eles non teño queixa ningunha, pero os animaría a seren máis aventureiros. Tamén é certo que nunca o comentei durante as sesións e que nunha misión de espionaxe sempre dá máis medo non ir con mil ollos e un plan blindado.