Donkey Kong Country 3: Dixie Kong's Double Trouble!
Este terceiro Donkey Kong Country si que o xogara no seu día. Alugueino un par de veces e coido que a última ata o completei neses tres días que o tiven dispoñible, quizais non ao 103%, pero si nunha porcentaxe bastante alta. Atopo bastantes diferencias entre o enfoque que tiven esta semana co que puiden ter por aquel entón. Sen tanto tempo dispoñible, acho que non me resulta satisfactorio vagar polo mapa buscando cada pequeno segredo, repetir niveis na procura de moedas opcionais ou (mirade que clase de xogón era!) por simple diversión. Certo é que unha vez dentro do escenario si que intentaba atopar todas as cousas agochadas, pero non era a miña misión principal, así que nin rexoguei niveis nin arrisquei vidas para incrementar eses contadores secundarios.
Pode que sexa pola miña experiencia recente cos dos dous anteriores ou, probablemente, porque esta entrega é máis doada, pero non me resultou un suplicio coma os anteriores. A gran recua de vidas que apañei nos mundos iniciais mantívose case en crecemento continuo ata os desafíos previos ao xefe final. O primeiro que se me atragoou foi un no que caen lóstregos, principalmente porque quixen apurar por riba das miñas capacidades, non reparara en que as posicións dos lóstregos anúncianse pouco antes e había un salto final que non fun capaz de facer sen sacrificar a un Kong. O seguinte, Koindozer Klamber, é complicado porque un mínimo erro de precisión nun brinco remata cos protagonistas empurrados cara o baleiro máis próximo. A continuación vai o de nadar con controis invertidos, longo e frustrante pero non me requiriu moitos tentos. O xefe final é ben doado, só precisamos paciencia para nos mover cando é seguro, o resto do tempo sempre hai algún oco tranquilo no que poderemos observar e planear.
Dese xeito puxen fin á aventura sen ver nunca a pantalla de xogo rematado. Aquí inda sería menos castigo ca nos anteriores, porque o punto de gardado está sempre dispoñible e de balde, mais só o precisaría para os desafíos adicionais do mundo perdido, que xa teño claro que non vou intentar, entre outras cousas porque esixiría apañar todas as moedas das fases de bonificacións e non estou para esas. Cando xoguei na consola orixinal conseguira bastantes máis deses obxectivos secundarios. Lembro as misións dos osos que precisaban obxectos variados e a cova do avó Kong bastante máis chea de paxaros-bananas. Non sei se era porque eu era máis cativo, pero tamén diría que o mundo superficial era moito máis grande do que realmente é, supoño que porque viaxaba máis por el e non só para ir dun mundo a outro o máis rápido posible.
Non son de dar notas a videoxogos, ordenalos ou escoller favoritos, mais coido que nesta saga da Super Nintendo o Diddy’s Quest está por riba do orixinal e deste Dixie Kong’s Double Trouble, pero quizais este sexa máis recomendable para alguén que queira probar a colección, sen que vaia atopar grandes carencias se decide continuar polos anteriores. Non o recomendaría a aqueles que lles gusten os niveis de carriños, se é que existe alguén así. Se cadra, as ausencia de repeticións dese estilo, é o que fai que o conxunto sexa máis doado de levar. Todo un acerto.



