WCW vs. nWo: World Tour
Este xogo da Nintendo 64 era un gran favorito para alugar nesas fins de semana con amigos nas que pasabamos máis tempo de recomendable diante da pantalla. Lembro con agarimo unha vez que se incorporaron un par de xogadores non habituais e saíron bromas como “entro, pego unha hostia e marcho”, facendo referencia ás limitacións da parella que está detrás das cordas, ou “cal é o monstro?” cando alguén queríase referir ao personaxe controlado pola máquina. Pero inda que fora só cun único amigo, a diversión estaba garantida. por moito que nesa época tivéramos unha seca de loita profesional televisada. Non sabiamos porque agora Hulk Hogan vestía diferente cun pano na cabeza, pero tampouco nos importaba. Foi aí onde coñecemos a personalidades como Sting, Rey Misterio Jr., Ultimo Dragon e algúns outros bloques de músculos con menos carisma nos doce polígonos que formaban o seu corpo.
Para homenaxear eses tempos decidín xogar unha nova partida. Escollín a Sting (non confundir co que leva de nome “Sting”, aspas incluídas) e participei nunha das ligas incluídas, que non son máis ca unha serie de combates individuais. Barallei subir a dificultade antes de comezar, pero tampouco quería suar en cada encontro. A primeira loita serviume para recordar os controis e como a verdadeira habilidade depende do ben que acertes cos bloqueos de golpes/agarres premendo o botón correspondente no intre axeitado. Non me saíu ben, pero tampouco fixo falla, porque cos meus propios agarres e golpes foi máis que abondo para ter unha vitoria nuns poucos minutos. Nos sucesivos combates decidín ir polo camiño máis directo, baixando do cuadrilátero nada máis comezar e asegurándome de que o rival quedaba fóra e Sting arriba cando o árbitro chegaba á conta de vinte. Dese xeito, conseguín vencer o resto de combates en menos de dous minutos. Non foi elegante pero abofé que foi efectivo. Así gañei a liga, e desbloqueei outro personaxe que non coñecía de nada.
Hai máis ligas, pero son máis do mesmo. Coido que esta partida solta foi abondo para activar as memorias, e se quero máis podería saltar ao WWF No Mercy da mesma consola, que non gocei no seu día con amigos pero si unha década despois eu só. Trátase do mesmo motor pero mellora tanto en todos os aspectos que este WCW vs. nWo fica coma un artefacto nostálxico.


