Donkey Kong Land
Non me chegou á triloxía Donkey Kong Country da Super Nintendo, polo que tiven que dar un chimpo de lado cara a Game Boy, no que implementaron este Land mantendo a nomenclatura do Super Mario Land. Aquel foi un xogo que non valorei moi ben cando o xoguei, pero os pousos que me deixou non son malos. Adiantando a conclusión final, penso que este Donkey Kong de catro cores é moitísimo máis prescindible que aquel Mario igual de cromado, e non creo que o tempo troque esta apreciación.
Por sorte, polo menos para os que xogamos o Country hai pouco, non se trata dun port á consola portátil, senón un novo deseño sobre a base dese orixinal, malamente adaptado ás características da Game Boy. O que máis destaca son as imaxes que representan a Donkey e a Diddy, porque están moi logradas e o seu gran tamaño na pantalla marca toda a experiencia. Iso condiciona tamén a amplitude do campo de visión, que é tan reducida que non hai moita marxe para a reacción, polo que hai que confiar moito no nivel se queremos ir a unha velocidade decente. Tampouco é que sexa posible apurar tanto coma nos outros, xa que arrasar facendo pinchacarneiros é un deporte de risco que non acelera no impacto. En moitos puntos semella que nin sequera funciona ben o sistema de correr, tomando demasiado tempo en coller rapidez para que logo os brincos sexan moi decepcionantes por curtos. E, en moitos casos, provocan unha morte instantánea se o mono cae máis rápido có desprazamento vertical da consola, inda que houbera unha plataformas debaixo.
Curiosamente, os niveis acuáticos son os máis fluídos, e hai varios seguidos que, sen ser dos meus favoritos, non se fan aburridos, seguramente porque son doados. Agás un no que nos persegue uns perigosos bechos mariños, os demais son bastante similares, que é algo do que adoece o conxunto en xeral. O de que cada escenario teña a súa propia mecánica non é tan marcado coma na Super Nintendo, lembro un dos últimos no que hai que apañar as letras de “KONG” para facer pontes ou outro no que había que manexar unha plataforma que trocaba de dirección ao saltar, sen dúbida o máis difícil de todos e que me levou unha gran morea de vidas.
O final do xogo é unha pequena refrega contra o xefe crocodilo máis pequeno da saga, sen trucos nin sorpresas. Serve como bo resumo de todo o xogo. Se cadra atoparei máis satisfaccións no Donkey Kong Land 2? Non tardarei en experimentalo.



