Donkey Kong Land 2
Este segundo Donkey Kong Land é moito máis semellante ao seu equivalente Country có primeiro. Aquí non só se copia o dúo protagonista, os amigos animais e o xefe final, senón que todos os niveis son adaptacións dos da Super Nintendo para a pequena pantalla da Game Boy. As sensacións foron similares ás do seu irmán maior, pero en versión máis pequena: os niveis son máis variados e divertidos, as diferenzas entre as protagonistas máis notables e o xogo é máis completo en xeral.
É considerable tamén o salto tecnolóxico, xa que os movementos son máis fluídos e xa non é tan habitual unha morte instantánea por caer máis rápido có desprazamento vertical da pantalla. Ao seren os niveis versións dos que xa xogara hai pouco, atopei unha certa familiaridade reconfortante que, sen dúbida, axudou a empurrar cara diante. Volvín ter un ataque de preguiza en torno ao terceiro mundo, pero desta vez non pasou dun par de días de pausa antes de ter as forzas precisas para superalo. E de aí ata o final foi tan só ir atopando tempo para xogar. O xefe final é unha versión moito máis doada ca no da Super Nintendo e, por tanto, un trámite para chegar ata os créditos.
Agora tan só me falta o Donkey Kong Land III para ser un mestre desta saga dos noventa. En realidade tería que completar todos ao 10X% para ser digno dese título, pero xa sei que iso non vai pasar, así que estarei satisfeito con estoutro logro menor.


