Bloody Valkyria - Kingdom in Fire
Atopei este álbum de casualidade, e tras ler que o grupo é categorizado como “black metal neoclásico”, non dubidei en darlle unha escoita. Fascinoume que na enciclopedia metaleira aparecese que toca a temática do Elden Ring, xa que non é moi habitual o de atopar referencias tan claras a productos modernos. Non obstante, este Kingdom in Fire é máis tradicional nese sentido e está baseado na obra de Tolkien. Con tres longas cancións principais, seguidas por pezas máis cortas instrumentais, amosará as múltiples influencias do artista. Non é complicado atopar unha parte ou outra que se asemellen a música que xa coñecemos, mais iso non o fai soar derivado, senón, máis ben, familiar. É unha aura que para ben ou para mal non se logra quitar, resultando nun bo traballo pero que non consigue acadar as costas de Valinor.