<<

Backpack Hero. Capítulo 1

Xa probara este Backpack Hero hai algúns meses, unha noite que estaba tan canso que non sobrevivín ao titorial: semellábame moi complicado de manexar na Steam Deck e cunhas mecánicas pouco claras. Desta vez decateime de que había controis nativos para mando, polo que non tentei usar a sempre incómoda pantalla táctil, e non tiña tanto sono, polo que entendín sen problema o sinxelo das mecánicas. Foi un bo comezo para o modo historia, que pensaba que sería máis do meu estilo que o clásico roguelike ao xeito do Slay the Spire. Estaba moi trabucado.

Alcalde

O obxectivo dese modo historia é atopar materiais nun alxube para reconstruír unha aldea chea de animais antropomorfos. Cada incursión é unha partida ao modo principal que, dependendo dos resultados, outorgará máis ou menos deses recursos precisos para evolucionar a aldea. O problema que atopei foi que esas incursións, polo menos ao comezo, son demasiado repetitivas e que as melloras do modo de construción son moi lentas e de impacto moi pequeno. Nas máis de catro horas que lle adiquei, rematei algúns tipos variados de edificios, cuxos efectos xa nin lembro, e falei con varios colonos para saber máis do mundo e da misión principal, sen que me interesase nada diso. Abandonei tras un bo feixe desas pequenas partidas, listo para desinstalar e facer oco para outros xogos.

Erro

Mais non foi así. Decidín probar o modo de “partida rápida”, que vén sendo o modo non-historia, sen desbloqueos nin nada que pase dunha partida a outra. Apañeime para mellorar varias veces un puñal que podía empregar de balde unha vez por quenda, combinado cunha morea de defensa para aguantar mentres a arma facía o seu traballo. Lembroume bastante ao Monster Train, onde a miúdo a estratexia vitoriosa pasaba por ter unha unidade moi forte e non prestar atención aos inimigos que aparecen. Cheguei sen problemas ata o xefe final, pero aí perdín porque incrementaba o seu poder e unidades invocadas máis rápido do que lle podía baixar a vida. Chegou un punto no que a miña defensa non era abondo e perdín. Diría que por un error de programación puiden repetir outras dúas veces ese último combate, con tácticas diferentes pero idénticas resultados.

Sobrepasado

De novo, xa estaba listo para esquecerme do xogo: a partida foi moi longa para o que me ofreceu e fiquei sen ganas de repetir máis ou menos o mesmo con pequenas variacións polo traxecto. Amais, estaba convencido de que agora gañaría ao non tomar tantas malas decisións por mor da miña inexperiencia inicial. Pero, a noite seguinte, xa estaba de novo nos alxubes con Purse gañando, esta vez si, cunha arma lendaria que atopei ben cedo e que aumentaba o dano permanente con cada asasinato. Cando cheguei ao xefe final empreguei un potenciador para facer un dano esaxerado e vencer en dúas quendas.

Lanza

E non parei aí. A seguinte noite probei outra personaxe, Satchel, que ten un xeito diferente de expandir a súa bolsa e algúns equipamentos especiais. Gañei maximizando os puntos de defensa pasiva e cunha poderosa arma que aumentaba a súa forza con cada quenda; cando atopei a reliquia que incrementaba a enerxía dispoñible tras cada quenda xa sabía que non habería monstro que me puidese frear. O único freo foi o que puxen eu artificialmente tras esta vitoria, porque quería probar o resto das personaxes pero era hora de contar os feitos anteriores por aquí.