<<

James Pond II: Codename: RoboCod

Non lembro como chegou este James Pond II á miña Mega Drive II, pode que fora emprestado por un amigo. O que abofé que recordo é xogar co volume quitado unhas mañás de verán, antes de comer, mentres a miña avoa cociñaba con música de Antonio Machín. Deste xeito, o peixiño anfibio laranxa quedou vinculado aos angelitos negros e a esoutra explicación de como se poden querer dúas mulleres ao mesmo tempo (seica unha faiche a comida e outra cociña para ti, amor puro en ambos casos). Algunha vez xa intentara xogar unha nova partida, pero as sensacións non foron boas e normalmente quitaba tras perder unha vida nos compases iniciais. Mais desta vez estaba motivado para xogar ata o final, como xa fixera de adolescente ao ritmo de Machín.

Inverso

Concentrado para facer un bo traballo, fun solucionando a multitude de desafíos dos primeiros dous conxuntos de niveis; a verdade é que non lembraba o excesivo do número de escenarios. Non xogaba moito cada noite, pero sempre avanzaba a bo ritmo mantendo o indicador de vidas ao máximo (marca 5 pero non sei se ten un límite en 6 ou pode crecer máis). En boa parte isto é posible porque hai moreas de vidas extras en forma de ankhs douradas que tamén outorgan moitos puntos, coma 25000, cando outros obxectos (moi variados, dende billas ata hamburguesas) non teñen efectos secundarios e dan uns poucos centos ou miles. Todo é así de arbitrario, un escenario está decorado con xoguetes, noutro voamos nunha bañeira, hai teletransportadores, pingüíns-bomba que en realidade son emprazamentos publicitarios dunhas lambonadas, etc. E o que me restou por ver de novo! Porque seguramente nos meus tempos mozos empreguei os trucos de vidas infinitas e escoller nivel, xa que non creo nin que o solucionase dunha vez, nin que fora capaz de tal fazaña inda tendo máis de tres horas dispoñibles.

Bañeira

Porque eu botei dúas e pico e chegaría como a metade do xogo, sen probar aquel de xelatina para saltar moi alto constantemente que tanto me prestaba. De feito, os trucos de videoxogos eran das miñas cousas favoritos nesa época e agora os teño totalmente denostados. Coa presenza de internet, eses trucos deixan de ser algo tan máxico que se atopaba nas páxinas da Hobby Consolas por algo máis terreal, curiosamente coincidindo coa súa progresiva desaparición dos deseños modernos. Se cadra hoxe debería buscar os deste segundo James Pond para retomar a aventura dende onde perdín, un nivel que requiría paciencia para pasar a primeira parte e precisión para evitar ser golpeado por uns avións que deixan pouca marxe de esquiva.

Avións

Con todo, foi divertido revivir algunhas das tolerías deste xogo, por moito que non estivesen as dúas gardenias que poderían ser a miña avoa e Antonio Machín. Mais penso que o esforzo non compensa o obtido, así que dubido que volva a el. O que si, quedei abraiado coa historia do seu creador, Chris Sorrell, que sumaba dezaoito anos cando saíu o primeiro desta saga e que dirixiría proxectos como o MediEvil antes de chegar á idade na que Machín fixo as súas primeiras gravacións!