Iron Maiden - Dance of Death
Fun seareiro de Iron Maiden dende o ano 2000, e o Dance of Death, do 2003, foi o primeiro lanzamento que vivín en directo, mercando o single Wildest Dreams o día que saía á venta e o mesmo co álbum. Ata me deron unha camisola promocional que herdou a miña nai porque era demasiado pequena para min (non sei se era por aforrar tea ou porque non coñecían o talle dos seus fans).
Wildest Dreams é a primeira canción do disco, que nunca me gustou, e xa a escoitara en directo na súa estrea mundial na Coruña uns meses antes. Toda unha honra da que fardaría nos foros oficiais da banda, onde pasaba boa parte do meu tempo en liña. Foi alí tamén onde vin por primeira vez a portada deste Dance of Death, que a todos nos parecía unha brincadeira. E, sen dúbida, unha das portadas máis feas da historia da música, cunha aburrida lenda dun bosquexo que se aceptou como produto final, provocando que o artista non quixera firmar o resultado.
O cal non lle resta calidade á parte musical. Tiña certo medo que fora máis a nostalxia que a realidade, mais coido que é tan bo como lembraba. Unha vez pasado o mal trago da peza inicial (inda peor se temos que aturar o videoclip), comezan unha serie de épicas, e algunhas curiosidades, que suben moito a media, e axudan a aprender un pouco de historia. Non ía eu saber da masacre dos cátaros se non for por Iron Maiden.