<<

Aztec Adventure

Este, seguramente, foi o meu primeiro xogo en cartucho, listo para insertar na miña Master System II que xa traía integrado o Alex Kidd orixinal. Nunca me gustou, e era duro ata de sacar da consola: se alguén atopa unha copia do xogo con varias marcas de dentes na parte superior do insertable é probable que sexa o meu; o último que souben desa copia é que foi, coa consola e o resto da colección, cara unha familia con nenos que non tiñan ese tipo de entretemento. Agardo que lles prestara máis do que me prestou a min, o cal non é complicado.

Personaxes

Pero, inda así, pensei que merecía unha nova oportunidade neste milenio, aproveitando a potencia da Steam Deck para emular un xogo que ben funcionaría nun trebello vinte veces máis barato. Abandonei cedo a idea de non facer trampas, porque hai poucas vidas, perder unha devolve ao comezo do nivel e non quería pararme máis do preciso. Aceptei gardar partida ao comezo de cada escenario, para cargar no caso dunha derrota. O primeiro desafío levoume tres intentos, máis por apurar ca por outra cousa: unha vez establecida unha estratexia a vitoria chegará se tomamos as cousas con calma. A miña memoria activouse con eses seres antropomorfos que se poden mercar con cartos, especialmente o que leva un sombreiro que semella o dunha señora británica que xoga ao bridge.

Frecha

Pola súa banda, o segundo nivel, atopado tras superar o anterior nuns cinco minutos, xa case semellaba novo para min. Sei que algunha vez cheguei a el, pero coido que debeu se poucas veces e a maioría xa de adulto nun emulador, confirmando que non gustaba deste xogo de cativo. Coa axuda do punto de gardado, granxeando armas para derrotar aos xefes morcegos e moita paciencia, conseguín chegar ao terceiro nivel, dun total de once. Contaba con seguir avanzando así aos poucos, pero ese novo desafío non era divertido, especialmente o primeiro xefe que fai moito dano e que é complicado de danar co pequeno coitelo de Niño.

Morcego

Coido que empurrar ata o final non pagaría a pena. Gustaríame vivir en primeira persoa esa loita final contra as liñas de Nazca. E tamén ler esas derradeiras liñas que explican como o protagonista acadou o Paraíso que o lanzou nesta aventura nazcoazteca, pero que realmente o paraíso de cada un está nos soños que persiga. Así que eu tamén vos animo a todos a aventuraros no mundo na busca da vosa utopía individual, que seguramente non pase por tentar superar este xogo.