Star Wars: Knights of the Old Republic
Este é o meu terceiro intento de xogar a este clásico de BioWare, xa que non me atrapou as dúas primeiras. De feito, semella que esa compañía non é precisamente das miñas favoritas, xa que só xoguei a este de Star Wars e ao Neverwinter Nights, e neste último nunca cheguei moi lonxe na campaña e só sobreviviu pola morea de escenarios da comunidade e porque estaba enfeitizado con todo o que tiña que ver con Dragóns e Mazmorras. Coido que non entendo ao meu propio cerebro, porque todo apunta a que non gozo deste tipo de xogos por máis que me apeteza entrar nestas clásicas aventuras das que fala todo o mundo, aproveitando a partida de rol ao Rebellion. E, para adiantar as conclusións, diría que seguen sen ser para min.
Había unha vez que xoguei un par de partidas do xogo de rol de mesa de Star Wars D20, levando un soldado nun grupo no que todos querían ser algún tipo de jedi, o cal é moi comprensible. Penso que foi pola miña antiga teima de escoller as cousas menos habituais, ou se cadra porque un rifle de asalto facía unha cantidade de dano brutal xa dende o primeiro nivel (un dos problemas que tiña o sistema d20 para modelar cousas máis aló da espada e bruxaría). Na miña memoria, tamén creara unha personaxe neste kotor que se afastaba da forza, mais agora entendo que a adquisición dese poder debe ser algo que sucede nalgún intre da trama ao que nunca cheguei, xa que a protagonista comeza coma unha novata nunha nave que está a ser atacada e que logo sae na busca doutra usuaria da forza, que nunca atopei.
Desta vez avancei menos que a última antes de parar, unhas dúas horas de xogo nas que escollín unha dote que non quería e que, seguramente, non vaia empregar moito. Non é das terribles, claro, porque segue o sistema da terceira edición de Dragóns e Mazmorras polo que é habitual escoller entre un aburrido pero útil +1 ás tiradas de ataque ou un tamén aburrido pero inútil +2 a outras habilidades que igual só se empregan opcionalmente nun par de escenarios moi acotados; eu fun polas ramas dos críticos mellorados automaticamente porque semellan ser o maior valor por cada punto investido. Os combates, polo de agora, resólvense rápido a tiros ou, se vexo unha boa oportunidade, cunha granada lanzada mellor que o que faría o Gaarkhan daquela partida do Rebellion. Pero nin sequera cheguei á parte das cloacas que xa acadara no pasado, así que inda hai oco para moitos escenarios que precisen de tácticas para avanzar.
Pero, entre boa obra e boa obra para gañar puntos de luz, estiven investigando o xogo de cartas incluído: o Pazaak. É basicamente coma xogar ao *blackjack pero coa posibilidade de xogar cartas da man para afectar ao resultado. O problema é que esas cartas especiais as trae cada xogador e existen cartas non só mellores senón estritamente mellores ca outras, de maneira que o que máis cartos invista será o que teña máis vantaxe. Pero o que máis me amola é que nós sempre xogamos primeiro, o cal é unha dificultade engadida tal e como funciona e non ten ningún sentido no contexto de que son dúas persoas xogando libremente e non contra un casino ou algo así. A verdade é que foi unha decepción que só serviu para que a miña personaxe perdera máis cartos dos que debería.



