Vitalij Kuprij - High Definition
Vitalij Kuprij inaugurou a súa carreira en solitario con este High Definition, facendo as veces de Yngwie Malmsteen pero cun teclado entre as mans, copiando parte dese son neoclásico-eléctrico-powermetalero, inda que aquí non hai voces. Dentro do virtuosismo, non atopo nada especialmente salientable. Algunhas veces venme á cabeza a banda sonora dun Sonic ou Castlevania, outras Michael Angelo Batio coas súas pontes entre solos imposibles, xa que aquí a guitarra tamén está moi presente como protagonista conxunta do teclado. Se cadra, unha auténtica aposta, que non sei se existirá na súa produtiva inda que truncada carreira, sería acadar un ton similar sen empregar ese outro instrumento omnipresente. Gustaríame crer que os teclados serían capaces de cargar con todo o peso dunha obra coma esta.