<<

80 Days

Inda que lin o libro de Jules Verne a década pasada, teño máis memorizado o nome de Willy Fog có de Phileas Fogg, do cal dubidei se era Phineas, coma o protagonista doutra serie de debuxos da que debín ver catro capítulos en total. Un número que encaixa cos comezos que fixen deste 80 Days, en dúas roldas ben diferenciadas. Encarnei, por vez primeira, ao francés Jean Passepartout (Rigodón) hai uns meses, nunhas partidas curtas nas que aprendín o básico das mecánicas. Lembro non ter saído de Europa, abandonando as viaxes moi cedo porque non comezaban con bos presaxios ou, o que é o mesmo, porque nun fun capaz de aceptar as consecuencias dos meus actos. Aceptei entón que o xogo non era para min. Pero como a cabeciña non para, pensei que, con outra mentalidade, podería meterme máis no papel de asistente de Fogg e ser capaz de apreciar este xogo tan louvado.

Apostador

Non tiña moitas ganas de volver ler toda esa exposición xigantesca da feria de París, onde queren deixar claro as particularidades da ambientación steampunk. Non negarei que é algo que encaixa demasiado ben coa historia orixinal, que incrementa a miña curiosidade sobre ese mundo tan descoñecido para min coma case para Passepartout e que fai que os métodos de transporte sexan imaxinativos. Funciona ben para eses casos mais, ata onde eu cheguei, non semella máis que unha capa superficial para darlle un pouco de cromado. Ao final, pasamos a meirande parte do tempo lendo pequenas historias e planificando rutas por terra, mar e aire. Polo menos cando non estamos a loitar contra a interface que, polo menos no meu móbil, non resulta cómoda de todo.

Anfibio

Non foron poucas as veces que saltei diálogos sen pretendelo por premer no recuncho incorrecto, perdendo as posibilidades de atopar novos enlaces entre as cidades. Como tampouco pausa o reloxo mentres nos atopamos a refuxio, é instintivo apurar nas accións, o que provoca máis desgustos cando atopamos problemas ao facer, por exemplo, algunha redistribución da equipaxe. Entendo o compoñente de inmersión neste contexto, pero non o comparto porque a frustración e a atención constante non me presta nunha experiencia na palma da miña man. Non obstante, parece que, por moito que o intente, non son o público obxectivo, porque esta vez abandonei ao chegar a América tras perder moitísimos días na manga asiática.

Nave

Foi todo na mesma sesión de xogo. Levaba xa bastante tempo organizándome perfectamente para encaixar os horarios dos métodos de transporte e, inda que perdín algunhas opcións por tocar onde o xogo non quería, diría que non ía mal de todo para acadar o obxectivo dos 80 días. En certo punto atopei unha amable inventora que ofrecía a levarme a fume de carozo sobre boa parte de Asia por un precio elevado. Decidín aí tirar da función do banco, que nunca empregara e que, convenientemente, permite obter cartos a cambio de tempo. Aí xa comezaba a estar un pouco farto da experiencia así que decidín perder varias semanas para coller ese atallo. E de novo fixen o mesmo para cruzar o Pacífico por non pensar moito, sen prestar atención aos días de saída e perdendo moito máis tempo do preciso. Daba igual, o desafío xa estaba perdido e eu non tiña ganas de continuar.

Ksenia

Quizais volva outra vez no futuro a intentar esta volta ao mundo. Para entón debería aceptar que é probable que non consiga baixar de 80 días pero que, inda así, podo continuar percorrendo ese mundo con menos présa. Pero agora mesmo as cousas que me amolan superan ao que podo agardar sobre este xogo. Ademais dos temas más tecnolóxicos que xa mencionei, tampouco gocei dese papel sumiso a un Phileas Fogg que realmente non fai nada. Ou de que moitas das historias consistan en homes bebendo demasiado, Passepartout o que máis, sen que moitas veces poidamos poñer freo. Se cadra é mellor que poña os debuxos de Willy Fog, que xa supoño que serán terribles dun xeito totalmente diferente.