<<

Aeon’s End

Tiña moitas ganas de probar este xogo de taboleiro. Sen pretendelo, acabei lendo moitas opinións e análises doutros xogóns que teño en boa estima. Algún intentou convencerme para que probase a versión dixital, pero non me gusta cruzar esa liña para experiencias que penso xogar en físico. Penso que unha vez que un xoga varias veces coas comodidades e velocidades facilitadas pola computadora, non é doado volver á versión tradicional. Aguantei abondo sen tomar atallos dixitais para este Aeon’s End, até que recibín a caixa física coma agasallo dos meus mellores amigos. A favor dos meus prognósticos, foi todo un acerto, pero o camiño até esa realización non foi directo.

Esta edición inclúe unha folla e uns grupiños de cartas xa mesturadas para poder ter unha primeira experiencia o antes posíbel. Os problemas que atopei con tal enfoque foron que tiña eu tiña medo que esa manipulación do azar non desembocase nunha partida significativa, e que non incluían instrucións para adaptala e xogar en solitario cun único personaxe. Esa sería a modalidade que escollín para as miñas primeiras partidas, polo que decidín esquecerme deste inicio rápido, axeitar todas as cartas na caixa e aprender a facer a preparación normal. Unha preparación que, unha vez aprendida, non ten tanto truco, pero si que é certo que tardei en comprender eses preparativos e por que cada carta ía onde ía. Para non ter máis leas escollín unha maga ao chou e un mercado co método aleatorio 3/2/4 que aparece nas instrucións.

O único que mantiven fixo da partida suxerida foi o inimigo: o Rageborne, en teoría o máis doado de toda a caixa. A medida que avanzaba nas quendas, entendía mellor o xogo e até conseguín que o fado estivese da miña parte cando cheguei á última oportunidade cun 50% exacto de posibilidades de vitoria! Nembargantes, foi un éxito trampulleiro, porque activaba a habilidade especial de Reevee con tan só unha carga, no canto das catro precisas. Obviamente isto fixo a partida moitísimo máis doada do que debería, e non foi, por tanto, unha toma de contacto representativa do deseño. Repetiría no día seguinte contra o mesmo monstro pero con outras cartas e personaxe. E esta vez foi decepcionante: non había posibilidades de curación e o rival fixo tanto dano inevitábel que non tiven ningunha opción de obter a vitoria.

A miña opinión sobre o xogo logo desas dúas partidas era fría, pero inda tiña esperanzas de trocala nun futuro próximo. Tan próximo como que o día seguinte xa xoguei outro par de partidas, esta vez a dous xogadores cun colega a través de Discord. Perdemos a primeira contra a Bruxa da Horda, pero conseguimos reducir a súa vida a cero no desquite. E o máis importante, descubrín que con dous magos o xogo tiña bastante máis interese, e que non pagaba a pena xogar o modo solitario auténtico cando manexar dous magos ao mesmo tempo non era tanta lea e outorgaba moitas máis opcións estratéxicas. Por tanto, a partir dese día, troquei a preparación das miñas partidas só para incluír dous personaxes e comezar a gozar ben do deseño.

E tanto que gocei! Encadeei dez días seguidas con partidas diarias, sempre con dous magos e cartas de mercado ao chou dentro da distribución recomendada. Atendendo ao número de vitorias tamén foi ben, xa que gañei todas agás unha, cando tentei facer o “xogo bonito” de deixar o Rageborne sen cartas, pero golpeou duro cando inda precisaba sobrevivir varias quendas adicionais. Conseguiría ese acadamento noutra partida contra outra némese, polo que diría que xa domino o modo normal logo de obter varias vitorias contra todos os inimigos e controlar a todos os magos que teño na miña colección. O seguinte paso será subir o nivel de dificultade nun chanzo, mellorando as habilidades de “desatar” das némeses, o que me obrigará a aproveitar ben todas as oportunidades.

Coido que, polo menos no modo normal, apañeime para facer combinacións poderosas que apuraban os puntos de vida finais dos inimigos en pouco tempo. Ao igual ca noutros xogos de construción de barallas, parte do truco é non mercar cartas de máis, desfacerse das peores e atinar co mellor intre para pasar ao ataque sen freo. Neste caso en particular diría que é moito máis cedo do que semella, e varias das miñas vitorias máis esaxeradas resultaron de forzar ese troco o antes posíbel e rematar a partida cando o inimigo xusto comezaba a xogar as súas cartas de segundo nivel. Xa veremos se esa mesma estratexia tamén dará resultados positivos coas némeses potenciadas.

Inda que fixen un parón, a miña opinión agora e moi favorábel, e xa conseguín ver e entender moitas das gabanzas que recibiu, por moito que preparar e gardar cada partida sexa algo fastío.