Altered Beast
Este Altered Beast da Mega Drive é unha adaptación das recreativas, é nótase xa dende a primeira interacción: ao premer o botón de comezo na clásica pantalla co logo do xogo pasamos directamente á acción. Non hai menús intermedios, selección de personaxe, titoriais nin nada semellante. É o equivalente a meter cinco pesos e darlle ao botón dun xogador: aparecemos de súpeto no comezo do primeiro nivel coa misión de salvar á filla de Zeus e con zombis por todas partes. Listos para decapitar a todo aquel que se poña por diante a base de puñazos.
Atenea é o único personaxe claramente feminino, evidenciando o machismo clásico tanto dos anos oitenta coma dos videoxogos en xeral. O protagonista é un home que vai aumentando os seus músculos e esgarrando os seus escasos roupaxes a medida que sobe de nivel. Para conseguilo hai que derrotar uns cérberos azuis e obter as orbes de poder que soltan ao morrer. Ao obter a terceira, o protagonista remata espido pero transformado nun poderoso animal antropomórfico, de aí o nome do xogo. Isto repítese en cada unha das cinco pantallas xa que, despois de esnaquizar ao xefe fina de cada unha, o malo malísimo aparece e quítanos todo o poder. Por sorte, as roupas tamén reaparecen.
Algo curioso deste xogo e que cada pantalla continuará case infinitamente até que cheguemos a xunto do xefe transformados en besta, xa que ten a delicadeza de deixarnos obter o poder que precisamos para derrotalo. Na terceira vez que paseemos polo seu lar sen transformar xa estará farto de agardar e teremos que loitar contra el sen todo o noso poder. Se o conseguimos no primeiro tento obteremos unha bonificación en forma de puntos, pero non me sorprendería que os xogadores experimentados nas recreativas alongasen cada nivel até o máximo para obter máis tempo de xogo dos seus cinco pesos.
As partida duráronme uns tensos dez minutos de media. A primeira parte de cada pantalla avanza automaticamente, polo que as principais variabilidades son o punto de transformación e as loitas contra os xefes. Estes últimos soen ter truquiños para superalos facilmente, inda que o último e máis caótico polo que levoume varios tentos, xa que non permite moitos erros. Ademais non hai ningunha maneira de recuperar puntos de vida, polo que cada minuto de xogo é unha loita pola perfección para maximizar as posibilidades de vitoria. Todos os puntos de vida cos que rematemos o xogo servirán para unha nova volta nunha dificultade máis elevada. Tras derrotar ao xefe final por vez primeira morrín nesa segunda volta contra o terceiro zombi.
Sería sinxelo enumerar os fallos de deseño ou criticar a súa narrativa, pero xa pasaron máis de trinta anos dende o estreo. Preferiría loar, inda que sexa de pasada, as cousas boas: é unha experiencia mitolóxica completa en menos de quince minutos, as transformacións síntense poderosas, manéxasen ben e tamén hai moreas de inimigos diferentes para esnaquizar con cadanseus padróns de comportamento. En suma, foi un desafío entretido pero algo mollado pola nostalxia dos meus anos mozos.
- Derrotas: 4 (fase final, xefe final, xefe final, penúltimo xefe).
- Vitorias: 1.