<<

Aperture Desk Job

Unha das primeiras cousas que xoguei coa miña flamante Steam Deck foi este Aperture Desk Job, deseñado para amosar as capacidades deste dispositivo. Curiosamente non é unha exclusiva, xa que se pode xogar con calquera mando e Valve non quere que existan videoxogos para a Deck que non funcionen nun ordenador normal, unha decisión coa que estou bastante de acordo. Non obstante, iso non quere dicir que tal experiencia sexa recomendable, xa que non pasa dunha curiosidade de media hora que nin sequera chega a abraiar coas múltiples capacidades da portátil.

A experiencia comeza bastante ben, co humor característico dos Portal e un escritorio coa mesma distribución de botóns que a consola. A primeira tarefa é sinxela, consistente en simplemente premer os botóns principais durante un tempo nunha orde determinada. De aí pensei que, pouco a pouco, complicaríanse os encargos e tería que facer cousas máis e máis complexas, un pouco ó estilo do Cook, Serve, Delicious! Mais a historia non evolucionou por aí, senón por outro camiño máis típico dos videoxogos: disparos. Por dicir algo, xa que esa é das poucas partes nas que temos que tomar un pouco o control e non limitarnos a ver e escoitar; inda que eu tirei de subtítulos, que xoguei case sen son e, por tanto, nin me decatei de que J. K. Simmons poñía voz a un personaxe. Algo que tampouco sabía que pasaba nos Portal 2, que xa vai boa que xoguei.

Certo é que non son moito de fixarme nin interesarme por esas cousas: prefiro analizar a parte máis interactiva que foi a que me pareceu máis frouxa. Non houbo moitas sorpresas nin moito aproveitamento das funcionalidades máis esotéricas dos controis. O único que me sorprendeu un pouco foi o de empregar o xiroscopio para apuntar, inda que o de ter que manter o dedo na panca dereita era algo raro, pero entendo a necesidade. Penso que esa funcionalidade podería ser un pouco máis levada ó extremo, para facer unha especie de visión circular onde teñamos que rotar coa Deck na man, pero tamén comprendo que non resultaría cómodo nin moi axeitado en moitos casos. Quedei con ganas de ver como se poderían empregar os dous trackpads (que non me van ben persoalmente para empregalos como cursor), quizais algo que amosase as capacidades analóxicas dos botóns e, por que non, interaccións na pantalla táctil.

Para trinta minutos que foron non me arrepinto, pero non deixa de ser unha pequena curiosidade con toques de humor. Hai que recoñecer que funciona perfectamente no apartado gráfico, non ten erros e que é de balde para todo o mundo! Se rematase cunha canción con letra o meu criterio seguramente sería moito máis bo. Fiquei mal acostumado dos Portal e sempre me gustaron as cancións con letra dende os meus tempos da Sega Saturn.