<<

Arkham Investigator. Casos 1 e 2

Xa xogara a este Arkham Investigator cando publicaron o seu primeiro caso en inglés no 2013. En teoría os casos non son rexogables, pero logo de tanto tempo só lembraba a idea xeral, que había unha pregunta sobre un gato e tamén inventei algo na miña cabeza sobre uns grans de sal que non apareceron por ningures; seguramente extrapolei iso do título e dos outros grans que aparecen durante a aventura. Ao final resultou que recordaba bastante menos do que pensaba e non tiven que gardarme nada para non destripar a investigación ás outras dúas aprendices de Armitage que conformaban o grupo. Desta vez preferimos a tradución non oficial ao castelán que, inda que está cheísima de grallas, ben vale para experimentas os misterios de Arkham.

As mecánicas de xogo están calcadas do Sherlock Holmes: Detective asesor. Hai un libro de casos con parágrafos enumerados que conteñen todos os detalles do que sucedeu na vila ficticia de Massachusetts., pero a gracia é que cada un deses parágrafos representa un lugar ou unha persoa que poderemos investigar. Armados cun periódico, un mapa e as páxinas brancas de Arkham, iremos tirando do fío até ser capaces de dicir que temos resolto o caso. Nese momento haberemos de responder unhas preguntas para confirmar que a nosa solución é a correcta. Logo contaremos unha puntuación final dependente das respostas correctas e as pistas erróneas que tiveramos seguido. E velaí unha das miñas principais críticas ao sistema.

Entendo que penalizar o de seguir pistas falsas ten certo senso, en canto que sempre hai algunha urxencia en solucionar o caso o antes posible. Mais eu coido que o que provoca é investigar o mínimo preciso para non ter unha penalización moi grande. Nos dous casos que xogamos tampouco axuda que se traten de sucesos sobrenaturais con formas malignas involucradas, con fins alén das capacidades das mentes humanas. A verdade é que estou a esaxera un pouco, pero a frase anterior ten certa razón porque non é doado saber cando debemos poñer o fin da investigación e non tentar pescudar todo sobre o primixenio involucrado, máis que nada porque iso non é posible.

Fixémolo bastante ben no primeiro caso, seguindo poucas pistas non necesarias e descubrindo ben todos os detalles do acaecido. No comezo a nosa investigación foi orientada cara o terreo máis mundano, cunha presunta fuga de gas no bosque, pero pouco máis tarde comprendemos ben que se trataba de algo máis macabro e con fins máis esotéricos. No segundo encargo perdemos algo máis o tempo e tampouco acertamos de todo coas respostas finais, xa que rematamos a investigación algo cedo. Desta vez non me encaixou de todo o da fariña, xa que eu pensaba que se trataría de algo máis sobrenatural e non dunha falta de limpeza) nin que unha das preguntas finais consistise en saber todos os detalles dun perigoso ritual. Na miña impresión debería ser totalmente ao revés e quitar puntos por posuír ese coñecemento tan presuntamente perigoso.

A experiencia non estivo mal e pasamos dúas tardes entretidas. Agora mesmo non hai máis casos traducidos ao castelán polo que decidimos poñerlle punto sen nos atrever co inglés, máis por falta de entusiasmo ca pola barreira lingüística. Temos claro que para o terceiro caso haberá algunha pista no primeiriño diario, no que aparece o proverbio de “ás veces hai que dar dous pasos cara atrás para dar un cara adiante”; pero tamén críamos durante un bo anaco do segundo caso que os do teatro eran vampiros ao estilo das Crónicas Vampíricas, polo que quizais teñamos máis imaxinación ca capacidades dedutivas. Pode que a seguinte vez as poñamos a proba co Sherlock Holmes: detective asesor, a ver se consigo facerme cunha copia, inda que o de mercar xogos de mesa con fin non me presta en absoluto.