Astérix
Abrín, un pouco por casualidade, un vídeo deste Astérix da Master System que saíra antes do Secret Mission. A miña sorpresa foi inmediata, porque claramente eu xa xogara este xogo hai máis de trinta anos e lembrei de contado das apócemas explosivas que lanzaba o susodito Astérix, como entra e sae das tubaxes cal Mario e ata, nun lugar cerebral máis recóndito, a fase de bonificación con Idéfix. Por tanto, decidín xogalo o antes posible e así renovar a nostalxia de algo que esquecera totalmente.
Como soe ser habitual, os primeiros compases eran os máis familiares, e só botei de menos a Obélix lanzando menhires. Supoño que si que será parte deste título, pero eu escollín ao galo máis baixiño en case todos os niveis, porque en xeral resultábanme máis doados e crebacabeciles, polo menos nos poucos que probei co máis obeso. A miña idea orixinal era superar o xogo sen continuar, pero tampouco tardei moito en perder todas as vidas, precisamente nunha rolda de Obélix, e como as continuacións non tiñan límite, preferín xogar ata o final para aprender un pouco os desafíos e facer despois unha segunda volta sen ese recurso. Algúns niveis máis tarde, xa desbotara esa idea e atopei abondo chegar ata os créditos como sexa, porque algúns anacos eran especialmente endemoñados, como o 6-3 co barco ardendo.
A escusa da historia é que Panoramix foi secuestrado polos romanos, polo que os nosos protagonistas viaxarán por todos os países Mediterráneos xa que, por moito que todos os camiños cheguen a Roma, eles non saben a ruta e vagan perdidos. Isto xustifica a variedade de escenarios dun xeito ben simpático, inda que moitas fontes apuntan a que, orixinalmente, o destino era Exipto, fogar do penúltimo nivel, polo que as paradas intermedias terían máis sentido. Ademais, o derradeiro nivel coa cuadriga en Roma semella apurado e por debaixo do nivel previo, por moito que me agradara o detalle final de que iso foi o desencadeamento do derrube parcial do coliseo da capital; non son moi seareiro da banda deseñada, pero supoño que ou ben é algo que encaixa perfectamente nos orixinais ou ben é algo que xa saíra nos cómics e repetín aquí. Con todo, por mor dese nivel final, fiquei cunha sensación de decepción tras toda a aventura ata entón.
Polo demais, goceino ben. Foi unha sorpresa atopar escenarios coñecidos da miña nenez ata no sexto mundo, inda que coido que nunca chegara ata o fin. Hai moitísima variedade nos deseños dos niveis, con moitos currunchos con segredos e incluso algunhas partes de pensar ben como atopar a chave antes de chegar ata a porta final. Hai bastante inventiva que non se viu moito en outros xogos do xénero, e se non entrou mellor nos canons non é polos seus pequenos erros, senón pola nintendozazón da nostalxia videoxoguil global e porque foi un xogo que só saíu en Europa. Polo menos na miña contorna por aquel entón, había máis Master Systems con Alex Kidd que Nintendos con Super Mario Bros.



