<<

Battle for Moscow

Este Battle for Moscow foi o primeiro xogo de guerra de fichas e hexágonos que imprimín, recortei, montei e xoguei. E inda que foi publicado orixinalmente en 1986, eu non fixen nada diso até ben entrado o século XXI, xa que ese tipo de publicacións de empresas coma Avalon Hill ou NAC non se cruzaron na miña vida de adolescente, téndome que conformar cun Risk para alternar co xadrez de cando en vez. Mais a característica principal destes xogos non é tan só a temática, senón que moitos tenden cara a simulación de conflitos cun alto nivel de realismo histórico. Inda que o Battle for Moscow está pensado como un xogo de introdución para novatos, pareceume que esa simulación era axeitada (mais os expertos non concordan comigo, pero iso é o de menos).

Na parte mecánica, semella que ten algúns buratos serios a prol dos alemáns que non coñecía até o momento de redactar este artigo, inda que si que sabía que unha posible estratexia é Panzers in the South for quick win, o cal trocou as tornas das miñas partidas que eran gañadas sempre polos soviéticos e fixo que aparcase as pezas indefinidamente. Pero estama semana atopei unha implementación dixital moi xeitosa con intelixencia artificial incorporada, polo que nin teño que levar a conta de aplicar ben as regras nin teño que xogar ambos bandos na ausencia de rivais. Xogando cos malos, e aplicando o de poñer os tanques no sur, conseguín chegar até as portas de Moscú, pero a tirada final non saíu e foi unha derrota para min porque esquecín que era preciso conquistar todo o resto de cidades para, polo menos, conseguir un empate. Insatisfeito, e co mesmo plan xeral, decidín botar o desquite, esta vez arriscando menos nas tiradas e con algo máis de calma. Velaquí un resumo quenda por quenda.

Quenda 1. 2 de outubro de 1941. Coloquei as miñas unidades para maximizar os cocientes de ataques contra os rivais e o fado estivo da miña parte, causando numerosas baixas e abrindo moitos ocos para avanzar entre as liñas. Os soviéticos non puideron facer outra cousa máis ca atrasar as súas posicións para minimizar a sangría nos seguintes días.

Quenda 2. 10 de outubro de 1941. Tratouse dunha semana especialmente letal para os comunistas, que perderon todas as súas unidades en contacto cos nazis, que avanzaron sen baixas até rodear Tula no sur. A única opción da competencia era fortalecerse en torno a Moscova.

Quenda 3. 17 de outubro de 1941. O lamaguento do terreo pon freo aos avances dos alemáns e o seu efecto sobre os tanques fixo que non puidesen tomar Tula inda que a tivesen rodeada. O outro bando aproveitou para reforzar a súa posición na tan importante capital.

Quenda 4. 1 de novembro de 1941. A segunda quincena lodosa tamén favoreceu ao fronte socialista, que apañouse para conservar Tula, recuperar Riazán, reforzarse en Moscova, traer novas forzas dende o leste e até causar algunhas perdas nas forzas rivais, que só puideron aproveitar para achegarse máis á capital.

Quenda 5. 16 de novembro de 1941. Arriscando bastante, e perdendo algunhas das súas tropas, os nazis apáñanse para chegar as portas de Moscova; non obstante, a contraofensiva vermella afasta boa parte do perigo. Riazán troca de mans outra vez e Tula resiste.

Quenda 6. 23 de novembro de 1941. Moscova fica rodeada e Tula finalmente caeu. A única esperanza soviética pasa por esa nova recaptura de Riazán e porque as forzas dentro da capital do estado federal non deixen pasar os nazis.

Quenda 7. 1 de decembro de 1941. E Moscova finalmente caeu! Foi unha dura loita que se resumiu coa tirada dunha moeda, pero o resultado favoreceu os amigos de Hugo Boss e as novas forzas soviéticas que se achegan dende o sur e manteñen Riazán non serán abondo para darlle a volta á operación Typhoon.