Battlecards

De cando en vez vólvenme as ganas de programar algún outro xogo de ordenador. No canto de comezar outro proxecto que non chegará a ningures, tendo a procurar código libre xa existente para colaborar ou tomar coma punto de partida. Semella que a meirande parte de desenroladores non aposta por licencias libres, polo que sempre remato mirando os mesmos xogos unha e outra vez. Por sorte, hoxe en día as procuras en GitHub devolven resultados máis variados nese aspecto. Desta vez atopei este Battlecards que foi un pouco de ar fresco… durante uns cinco minutos.

O xogo é exclusivamente textual a través dunha terminal clásica. Representa unha loita entre un personaxe anónimo levado polo xogador e unha serie de inimigos de poder crecente ao cargo da intelixencia artificial. En cada ronda do combate, un contra un, temos que escoller unha carta das tres ao chou que nos son ofertadas da nosa baralla, mentres que a intelixencia artificial fará o mesmo pola súa banda. Cada carta ten un valor de ataque e outro de bloqueo, e cada bando perderá tantos puntos de vida coma o valor de ataque do rival menos o bloqueo propio. Se conseguimos reducir os puntos de vida inimigo a cero antes de que el faga o equivalente con nós, gañaremos o encontro, algúns pos máxicos e accederemos ao seguinte nivel.

O principal problema do experimento é que cae nunca hai dúbidas sobre cal é a mellor carta a xogar en cada quenda, pois só inflúen os valores de ataque e bloqueo, e as cartas non empregadas volven á baralla. Tampouco axuda que podamos personalizar até o extremo o noso mazo, de maneira que só posúa as cartas máis poderosas da nosa colección, garantindo que as poderemos xogar en cada quenda sen ningún tipo de restrición. Inda así, os combates fanse longos debido á lentitude das mensaxes de texto e á necesidade de ter que escribir o nome completo de cada carta a xogar. Case todo podería ser máis o máis ou menos facilmente arranxábel, pero o xogo non ten unha licencia libre explícita, e tampouco interésame tanto.

Mais criticar os múltiples erros de interface, experiencia de usuario e programación non é moi interesante para un proxecto deste tipo, polo que comentarei as ideas máis destacábeis na miña opinión. Cos pos máxicos podemos mellorar as nosas cartas, ou mesmo mesturalas para crear novas cartas, nun sistema semellante aos famosos, polo menos noutros tempos, xogos de alquimia. Gústanme tanto a idea de mellorar a baralla entre rondas coma o de empregar o sistema de alquimia como subsistema dentro doutro xogo; coido, iso si, que o problema principal é que precisa unha guía para saber as combinacións posíbeis, pero pode ter certa gracia ter que escoller entre combinacións poderosas pero terminais e outras con menos forza pero que poden mesturarse máis adiante para chegar a un poder maior.

En resumo, non se perdeu nada por dar por rematado ao 100% este xogo, e é unha proba máis de dunhas ideas boas convivindo cunhas decisións de deseño malas. Pero polo menos é de código aberto e, quizais, podería evolucionarse ou tomarse coma punto de partida se contactamos co autor para que lle poña unha licenza axeitada. Pero iso será traballo para outro, eu gárdome a experiencia e seguirei coa procura doutros xogos sobre os que aprender.