<<

Braid

Lembro cando xoguei este Braid por vez primeira, por aló do 2009. Penso que atranquei en absolutamente todos os crebacabezas que tiñan algún tipo de truco. Os meus favoritos eran os que penalizaban xusto cando pensabas que xa o tiñas todo conseguido, porque, por exemplo, esa porta non se mantiña aberta ou era preciso viaxar atrás no tempo desfacendo o conseguido para saír da lea. Mais hai moitos momentos memorables que me acompañan dende entón: ese final cara atrás que nos fai cuestionar todo o que fixemos para chegar aí, o de facer unha ponte con certas pezas, as referencias a bombas atómicas que semellan importantes para entender a historia de Tim, etc. A verdade é, que máis aló do que me puideron explicar pouco a pouco, entendín bastante pouco do Braid naquel ano, pero gocei cada minuto con el, inda a través de certos momentos de desesperación.

Ponte

Logo, un par de anos máis tarde, repetiría a travesía aproveitando que apareceu na miña conta de Steam. Levoume dúas horas e medias repetir todo o camiño, e din conta del en dúas sesións dentro do mesmo día. Nese tempo seguramente xa non atranquei tanto coa escaleira que hai que frear cun anel, e conseguín todos os logros agás o de superar o xogo nun tempo inferior aos 45 minutos. Unha cousa é ir rápido sabendo por onde tiran as solucións de cada nivel, e outra moi distinta é telas ben aprendidas para executalas cunha marxe relativamente pequena. Non negarei que eu son de apurar, e de seguro que levei un ritmo que Jonathan Blow tiña previsto pero non compartido. Nas palabras do creador, todos os elementos teñen o seu sentido e non hai nada que sobre. Abofé que se nota toda a atención ao detalle, e precisamente iso foi o que empreguei para resolver moitos dos problemas no meu percorrido máis recente.

Axuda

Por casualidade temporal, fixeron xusto 13 anos dende que xogara ao Braid por última vez. Non eran poucas as situacións que recordaba ben. Se tivera esta memoria para outro tipo de cousas sería mellor para min, pero semella que os pensamentos negativos e xogos ocupan, ás veces, un lugar privilexiado a miña mente. Tamén é certo que o meu cerebro gusta de traer, a miúdo, eventos vergoñentos do meu pasado para que non me esqueza deles e así poida tanto pasalo mal outra vez como aprender deses erros. Ou, simplemente, non ten máis sentido. Agora que o teño máis fresco, diría que o Braid exhuma significado por todos lados, sendo unha verdadeira obra mestra que destaca entre todos os videoxogos. Foron tres horas esta vez, menos do que lle adiquei ao The Witness do mesmo creador, que pode que tamén pertenza ao olimpo pero que eu deixei a medias canso de unir tantos puntos con liñas. Naqueles tempos tamén se mencionaba o Limbo por resoar de maneiras similares en moitos aspectos, pero puiden constatar que hai un mundo de distancia entre ese e este. Dezaseis anos máis tarde, inda que agora estea máis esquecido, o Braid segue a ser relevante.

Confusión