<<

Brothers: A Tale of Two Sons

Cruceime con varias mencións positivas sobre este xogo de dous fillos. Basicamente todas falaban ben do novedoso do sistema de control, do ben integrado que estaba na narrativa e do duro que resultaba o final. Con esa información eu decidín mentalmente que ambos protagonistas compartían botón de acción, que o irmán maior morría e que esa morte era algo provocado polo sistema de manexo, sendo un sacrificio iniciado polo xogador para salvar ó irmán pequeno e seguir avanzando na trama.

Pai

Comecei con esas tres ideas na miña cabeza, pero o xogo xa se encargou ben cedo de desfacer a primeira. Cada personaxe é manexado por unha panca distinta e tamén teñen botóns de acción diferentes; curiosamente tamén existen outros dous botóns para xirar a cámara, pero é algo que penso que non é preciso e que non funciona en moitos casos. A verdade é que resulta enxeñoso o de manexar os dous personaxes ó mesmo tempo, e eu tomeino coma un desafío para ver se me daba a cabeciña para movelos independentemente da maneira máis óptima posible. Deste xeito, encarei a aventura coma se fora unha carreira, bulindo constantemente cara o seguinte punto o máis rápido posible. Unha tarefa nada complicada porque o camiño é bastante lineal, con algúns recantos destinados a gozar das bonitas paisaxes ou amosar un pouquichiño da ambientación ou das personalidades do dúo masculino.

Tellados

Porque o xogo é moi masculino. Os dous fillos varóns seguen as instrucións do doutor varón para salvar ó seu pai varón. As mulleres que aparecen son tres: a nai que morre no prólogo por non nadar ben, unha trol femia que temos que rescatar e outra rapaza que tamén temos que salvar. Esta última ten moito máis protagonismo porque, logo de axudala a sobrevivir, engana ó irmán maior con pretensións sexuais, o que xera un pequeno conflicto inicial entre ambos e que, a continuación, sexan capturados para ser devorados por esa muller-araña. O xogo levaría moitos premios, pero de seguro que ningún por amosar personaxes femininos interesantes.

Araña

Precisamente esa muller-araña é a que causa unha ferida mortal ó irmán maior, que non consigue sobrevivir pese ós esforzos do cativo. As críticas aclamaron ese momento triste, pero para min foi unha oportunidade desperdiciada de obter un resultado equivalente coas mecánicas amosadas ata ese punto. Quizais o irmán maior podería ter aupado ó outro sen poder el nunca subir pola corda, ou facer algo que requirira manter o botón de acción apretado eternamente, de maneira que soltalo causase a súa morte. Non sei, non digo que fora doado, xa que o resto de “mortes” durante as partes de crebacabezas non son máis que un fundido a negro antes dun novo tento. Uns crebacabezas que, por certo, non requiren pensar moito, xa que son moi doados e directos, case sen excepcións. Aproveitei eses momentos de pouca esixencia mental para reflexionar un pouco sobre todas as críticas profesionais que recibiu este xogo, xa que a máis baixa é un 80/100 segundo Metacritic e non vexo que falen deses puntos negativos que eu atopei. O papel deses medios si que é algo do que se escribe moito e mellor do que eu podo facer, pero non deixa de ser decepcionante.