<<

Burning Wheel. A espada

Levaba case un ano argallando unha partida de Burning Wheel, especialmente pola aventura introdutoria d’A espada, que sempre me pareceu un conflito que pode dar moito xogo. Por aquel entón lin todo a manual, vin unha partida organizada polo creador e preparei unhas follas dos personaxes prexerados traducidas, pero non sería até este mes cando finalmente puiden estrear o sistema. Non por iso as tiña todas comigo, porque albergaba moitas dúbidas de si sabería explicar ben as regras a un grupo totalmente novel ao deseño de Luke Crane (un home ultimamente infame por outras cousas) ou se realmente pagaba a pena todo ese peso do regulamento para contar unha historia. Para os seus seareiros, cada unha das excepcións teñen a súa razón de ser, e até vin por aí a alguén querendo defender este monstro coma “elegante”. Para min non terminaba de encaixar, pero a miña curiosidade resultou maior ca o meu sentido común e acabei enrolando a catro amigos para probalo comigo.

Avisei xa de entrada a miña reticencia respecto da complexidade das regras, enfocando a experiencia coma un experimento. Endemais suponse que o xogo funciona mellor cando todos os xogadores dominan o regulamento e non hai información privada entre eles. Neste caso non se cumpría ningunha desas cousas, xa que decidín que mantivesen as crenzas de cada un en privado para darlle máis sorpresa e naturalidade ao asunto. Con todas esas, repartín os personaxes e puxemos en común o resumo de cada personaxe. Logo expliquei brevemente a ambientación e deixei que cada un contase unha aplicación das súas habilidades na aventura previa, coa finalidade de que lle botasen un ollo ás habilidades de cada un, se coñecesen mellor entre eles e quizais que tamén crearan uns vínculos previos para que os conflitos vindeiros tivesen máis corpo.

O único que ficaba por facer era amosar a cámara onde se atopaba o tesouro e preguntar: “que facedes?” Sen présa pero sen pausa foron achegándose con coidado ao obxectivo da busca. Todos? Non, todos non. Ssisz decidiu quedarse fóra da sala e pechar a porta, ameazando con non deixalos saír até recibir o seu pago, algo que non semellaba doado porque o resto dos protagonistas andaban sen un can enriba e tamén perderon moitas das súas posesións durante a incursión. Mentres tanto, Robard, o pícaro, axenciouse a arma e non quería nin deixarlla ver aos seus compañeiros. O elfo, cansado desas parvadas, conspirou coa rata para solucionalo pola vía da forza, pero a persuasión da anana calmou os ánimos e, inda que estivo moi preto, non se chegou á sangue. Até decidiron que era precisamente a anana Brechtanz a máis axeitada para coidar a espada até que chegares á superficie.

Mais inda quedaba o detalle do pagamento á rata. Despois de saír da estancia discutiron e decidín modelalo cun “duelo de enxeños”, xa que velo en acción era un dos meus obxectivos para a sesión. Os participantes escolleron un pouco as accións ao chou e, na primeira rolda, representaron un pouco as escollas. Por non penalizar aos xogadores por mecánicas que non coñecían, non fun nada estrito coas habilidades empregadas e, nas sucesivas voleas, nin sequera prestamos atención aos argumentos, querendo acabar canto antes co minixogo. O resultado foi que a anana levaría a espada e procuraría atopar un comerciante do seu clan para pagarlle a Ssisz o antes posíbel. E con esa promesa puxen o fin a aventura, que era boa hora e non quería alongar máis esta proba do sistema. Aproveitamos os minutos seguintes para facer o protocolo pospartida, repartindo os puntos de Artha e falando das nosas impresións sobre a sesión.

Pola miña banda, as mecánicas confirmaron as miñas sospeitas: hai moi boas ideas entre as seiscentas e pico páxinas no manual, pero son totalmente independentes de todos os subsistemas que complican o xogo sen moita necesidade. Non esperaba moito do “duelo de enxeños”, e inda así fiquei defraudado. Certo é que tampouco manexei eu, coma director do xogo, todas as situacións como debería, e o meu coñecemento do regulamento tiña moitas carencias, pero vin en poucos momentos que as mecánicas realmente apoiasen a narrativa. Como resumo, non me importaría repetir a aventura, pero de seguro que non sería co sistema do Burning Wheel.