<<

Castlevania: The Adventure

Normalmente os artigos/impresións que escribo aquí están baseados nunhas sesións máis ou menos longas. Pero neste caso só foron dúas partidas a este Castlevania da Game Boy orixinal, inda que poderían parecer máis debido ao lento ritmo de xogo.

O Belmont desta iteración vai moi pero que moi paseniño, armado co seu rebenque para desbaratar ás forzas do mal. Un dos botóns fai exactamente iso, golpear co rebenque, mentres que o outro botón serve para brincar. Unha vez comezado un salto cara adiante non podemos cambiar a traxectoria nin a altura, inda que si podemos soltar lategazos no voo. Até aquí é idéntica á formula habitual da saga, pero non hai presenza das armas secundarias que son tan características. No seu lugar, os candís, ao ser esnaquizados, outorgan puntos, invulnerabilidade, melloras para o látego ou vida en forma de corazóns. Si, agora que xa estábamos todos tan acostumados aos corazóns funcionando como maná no resto dos Castlevanias.

Con estas ferramentas conseguín, na miña primeira partida, avanzar todo o primeiro nivel sen perder ningunha vida, e sobrándome tempo no reloxo, que tamén é unha novidade desta versión. No segundo nivel apañeime para perder algunhas vidas consecutivas nunha serie de saltos moi precisos dunha plataforma que se precipita ao aterrar nela, a outra idéntica e de aí até unha superficie estábel. A derradeira vida desta partida perdina ao azoutar a un inimigo que se atopaba sobre unha ponte, o que fixo un burato na mesma polo que me caín sen remedio. O xogo propúxome continuar dende o comezo deste nivel pero eu rexeitei a proposta.

Ía deixar o experimento aquí, mais atopei outro momento para xogar de novo e decidín darlle outro tento. Volvín a camiñar moi lentamente a totalidade do sinxelo primeiro nivel, perdendo esta vez unha vida nunha sección de plataformas que non era tan complicada. No segundo nivel acadei outra vez a parte da ponte, perdendo antes outra vida nas plataformas que xa me resultaran fatais no anterior paseo como xa comentei no anterior parágrafo. Quedábanme outras dúas vidas para intentar, polo menos, chegar ao terceiro nivel.

Despois da pa partes das pontes, pois resultou haber máis dunha, chegou unha labiríntica que non respectaba a xeometría lóxica: entrabas por un sitio, saías por outro e, se volvías atrás neste novo sitio, podías chegar a outro totalmente diferente do orixinal. O labirinto cumpriu o seu propósito porque cheguei de novo até o punto inicial desta parte do nivel sen decatarme, onde finalmente perdín todos os puntos de vida. Na última vida improvisei no labirinto e conseguín chegar até o xefe final, non teño nada claro como. Trátanse dunha serie de ras que veñen saíndo duns buracos e brincando. Non semella dar moito medo e coido que aniquilándoas supérase o nivel, pero caín derrotado por elas antes de poder verificar esta hipótese. Polo de pronto chegoume esta incursión nun Castlevania ao que non tiña xogado nunca.

P.D.: Houbo unha terceira partida na que acadei o terceiro nivel, pero prefiro esquecela. Moitos picos.