Data Wing
Artigo escrito orixinalmente no verán do 2021.
Os videoxogos de vaíñas futuristas que van a todo filispín exercitan un poder atracción sobre min. Probei varias entregas dos F-Zero e Wipeout, por exemplo, mais esas velocidades tan loucas sempre me levan a forzar demasiado e rematar coa nave estoupando. Pero por moito que os contadores superasen o millar de quilómetros por hora, eses números non teñen nada que ver cos que poderían aparecer neste Data Wing para Android. Aquí manexaremos un trianguliño co cometido de mover datos dun lugar para outro dentro dun teléfono dunha adolescente. Dalgunha maneira asocieino con ese xénero de carreiras futuristas que comentaba antes, inda que superficialmente non teña moito que ver, xa que non encaixa nin a temática nin o punto de vista, nin esa esixencia de perfección constante.
Pola contra, por moito que os desafíos máis interesantes sexan carreiras, tamén existen algúns niveis onde non teremos présa e haberá que chegar ata a meta empregando os mesmos controis habituais de xiro e freo (este último nunca o utilicei; igual por iso non se me dan ben os F-Zero). Non obstante, onde o xogo destaca é naqueles momentos nos que se nos esixe apurar todo o posible. Para iso, a habilidade máis importante a dominar é a de pegar o lado curto do isóscele protagonista ás paredes, xa que así aumentará moito a súa velocidade. Desta maneira, se queremos superar os desafíos de tempo máis apurados, teremos que pensar un trazado polo circuíto que nos leve a aproveitar esta característica, e logo aplicala tan ben coma nos sexa factible, tendo coidado de non frearnos moito batendo contra as paredes (que era a causa principal de estoupido das miñas vaíñas no Star Wars Episode I: Racer).
Este Data Wing non é nada longo e os circuítos tenden a ser curtos, polo que logo de completalo volvín atrás para superar todos os desafíos opcionais e atopar os arquivos agochados que me faltaban. Estes axudan a comprender un nivel superior da trama e resultan moi curiosos, ao igual cós designios de Mother e Rogue. Dado que non teño instalada a aplicación necesaria para ver os meus logros ou os tempos doutros xogadores, non teño moito máis para explorar por aquí. Sendo de balde non se poden pedir novos, pero é unha mágoa que non existan máis desafíos feitos pola comunidade. Este é un bo exemplo de videoxogo que ben podería ter unha segunda vida se o código fose liberado e algún outro desenvolvedor lle adicara un tempo. De seguro que hai proxectos similares por aí adiante polo que, se atopo algún, non dubidarei en darlle un tento. Se non, sempre quedarán os Wipeout da PSP, por exemplo, ou os Redout en Steam. Será por oportunidades de destruír vaíñas pola miña pésima habilidade de condución.